publicidade hoxe

Tordoia investirá uns 48.000 euros en tarefas de aforro e eficiencia enerxética

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalTordoia
A-
A+

O Concello de Tordoia vai investir case 48.000 euros nun proxecto de aforro e eficiencia enerxética para a renovación das instalacións de iluminación pública exterior existente nos núcleos de Oleiros, O Pedrouzo e Vilarchán. Unha iniciativa á que o Concello de Tordoia achegará algo máis de 7.100 euros e na que contará cunha axuda de 40.700 euros procedente do convenio subscrito entre o IDAE e o INEGA.

De feito, este investimento forma parte dun proxecto compartido de mellora e eficiencia enerxética presentado polos concellos de Cerceda, Mesía e Tordoia e que vén de ser aprobado polo INEGA. O proxecto compartido entre os tres municipios ascende a 124.535 euros, dos que 119.535 serán financiados no marco do convenio subscrito entre o IDAE e o INEGA, que conta con financiamento de fondos comunitarios do programa operativo FEDER-Galicia 2007-2013.

O proxecto permitirá substituír as lámpadas, luminarias e demais equipamentos do alumeado público de Oleiros, O Pedrouzo e Vilarchán por outros equipos máis eficientes. Isto suporá un incremento da eficiencia enerxética, que se traducirá nun importante aforro económico para as arcas municipais superior ao 50% e nunha redución da contaminación lumínica. De feito, hai apenas dous anos, o Concello de Tordoia investiu algo máis de 100.000 euros nun completo programa de modificación e substitución de 138 luminarias públicas nas parroquias de Tordoia e Bardaos que permitiron un aforro do 58% respecto do seu consumo.

1 de agosto de 2013 | 19:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.