publicidade hoxe

A Pastoriza xa ten aprobado o Plan Xeral de Ordenación Municipal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA PastorizaLocalLocal Portada
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) da Pastoriza, na provincia de Lugo. Trátase dun documento que substituirá á Delimitación de Solo Urbano (DSU) de 1978, que entrará en vigor aos 20 días da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, trámite que debe realizar a Administración local, e que non debe entenderse soamente como un instrumento que garante a concesión de licencias, senón que, constitúe a folla de ruta do crecemento sustentable no territorio municipal.

No planeamento, documento que marcará a folla de ruta do desenvolvemento deste concello nos vindeiros 12 anos, predominan as categorías de Solo Rústico de Especial Protección Agropecuaria e Forestal, tendo en conta a grande importancia do sector primario para esta zona.  Así, máis do 97% da superficie está clasificada no seu PXOM como solo rústico.

O documento é especialmente sensible coa protección dos enclaves de valor como son os corredores fluviais, xa que este concello conta cunha rede fluvial particularmente rica e diversificada.

O PXOM recoñece como solo urbano 77 ha (0,44% do total). Determínanse 3 núcleos urbanos: Pastoriza, Bretoña e Reigosa. No núcleo da Pastoriza o PXOM clasifica como solo urbano consolidado de uso industrial o Parque Empresarial do mesmo nome.

O planeamento recoñece 154 núcleos rurais caracterizados pola súa forte dispersión, como boa parte dos da Terra Chá. Cabe citar que todos os solos urbanizables de uso residencial proxectados están en continuidade cos núcleos urbanos: non aparecerán illas urbanas no medio rural como consecuencia deste planeamento.

No que se refire á capacidade residencial total, constan 3.041 vivendas, 1.611 existentes e 1.430 novas. Cabe citar que en solo urbano consolidado, o PXOM incrementou a capacidade en 300 vivendas e en solo de núcleo rural, en 180.

A Consellería de Medio Ambiente, a través da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, achegou ao Concello da Pastoriza unha subvención de 108.000 euros para a redacción do plan.

26 de agosto de 2013 | 21:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.