publicidade hoxe

Segunda edición da Pasarela “A Modiña” do Morrazo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueuCalendarioCangasLocalLocal PortadaMarínMoaña
A-
A+

Tralo éxito acadado na primeira edición, FECIMO aborda un ano máis a organización da Pasarela de Moda “AMODIÑA” do Morrazo co desexo de manter a visibilidade dos establecementos comerciais asociados e como xeito de difundir o seu produto.

Vista da edición anterior de "AMODIÑA" no paseo marítimo de Moaña

Vista da edición anterior de “AMODIÑA” no paseo marítimo de Moaña

Empresas de diferentes sectores da comarca, asociadas á Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo, amosarán as tendencias da tempada Outono/Inverno deste ano nunha pasarela moi especial, que máis que un desfile é un gran evento de moda para o cal se están a preparar moitas sorpresas.

A cita terá lugar o sábado día 21 de setembro  ás 21:30h, ao aire libre e coa Ría de Vigo como fondo de escenario. Unha gran pasarela será instalada no paseo marítimo de Moaña, con saída dende o palco da música.

O número de empresas participantes ronda a treintena, dando cabida a multitude de sectores:

Moda: home e muller, infantil, xuvenil, festa, noivos…, lencería e baño, zapatería, complementos, óptica, florería, decoración, perruquería, estética e maquillaxe, etc…

OBXECTIVOS

Entre os obxectivos da pasarela “AMODIÑA” do Morrazo, destacan algúns coma dar a coñecer ao público as marcas comerciais que poden atopar nos establecementos da comarca, así como o seu estilo sobre “perchas” perfectas. Amosar como sentan as prendas, a textura e caída dos tecidos, é un apoio á decisión de compra. Como complemento, será entregado ao público un directorio de empresas cos participantes ordenados por sectores onde poden obter máis información de contacto.

Será un espectáculo cargado de emoción e sedución, grazas a unha coidada escenografía e selección de colaboradores que aínda están por pechar – presentadores, actuacións en directo…

PRODUCIÓN E ORGANIZACIÓN

FECIMO contratará a unha axencia especializada neste tipo de eventos, encargada de seleccionar e coordinar a uns 30 modelos femininos e masculinos, así coma construír unha historia visual e auditiva que sexa toda unha experiencia para o espectador. Contarase tamén cunha coidada producción fotográfica e de video, a cargo de profesionais con experiencia no mundo da moda e a publicidade.

FECIMO fará da execución de “AMODIÑA” un evento chamativo, atraínte, aspirando a converterse na cita anual coa moda á que todo o mundo desexa asistir para coñecer as novas tendencias da tempada que se poderán mercar nos  establecementos comerciais do Morrazo.

12 de agosto de 2013 | 22:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.