publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

“Peter punk” e “Rosalía pequeniña” estarán en Noia, Xove, Dumbría e Vilalba

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDumbríaGaliciaLocalLocal PortadaNoiaPontevedraProvinciasVilalbaXove
A-
A+

As actividades gratuítas de dinamización lingüística promoverán o uso do galego no tempo de lecer a través do teatro de rúa, do novo circo e da música

Dúas actividades de dinamización lingüística coas que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a impulsar a lingua de Galicia nos concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia continúan co seu itinerario durante o verán. Nos vindeiros días, o espectáculo de teatro de rúa e novo circo “Peter Punk”, destinado á mocidade, chegará a Noia e a Vilalba, mentres que o concerto “Rosalía Pequeniña” recalará en Xove e mais en Dumbría para promover o uso do galego entre a xente miúda da casa.

Imaxe do espectáculo "Rosalía pequeniña"

Imaxe do espectáculo “Rosalía pequeniña”

‘Peter Punk’

A xente nova é o público obxectivo deste espectáculo fresco e dinámico no que o pallaso Isaac Rodríguez –que encarna o papel de “Peter Punk”- presenta o galego como unha ferramenta útil e adaptada aos novos tempos, a través da retranca e dun humor renovado co que sorprenderá a todos os que se acheguen a gozar do espectáculo. Os diálogos e os números circenses están pensados precisamente para achegar unha imaxe positiva da lingua galega, ligada ao tempo de lecer e á diversión das festas de verán.

Nas sesións, de 60 minutos de duración, as gargalladas do público mesturaranse coas expresións de emoción e de risco ao executar “Peter Punk” os números máis sorprendentes da actuación. Malabares con todo tipo de obxectos –incluso con lume-, exercicios de acrobacia e equilibro conducindo unha bicicleta minúscula e figuras con globos feitas a unha rapidez impensable completan este espectáculo de rúa no que teatro e circo van da man.

As funcións de “Peter Punk” para os vindeiros días comezarán mañá en Noia, cunha sesión ás 18:00 horas na Praza do Cantón, no marco das Festas de San Bernardo (en caso de choiva, a actuación trasladarase á Casa da Cultura). O vindeiro mércores será a veciñanza de Vilalba a que poida gozar co humor e os xogos malabares deste pallaso do século XXI, na función que ofrecerá co gallo das Festas de San Ramón na Praza do Concello (en caso de choiva, mudarase ao Auditorio Municipal).

Toda a información sobre a actividade e o calendario completo da xira están dispoñibles en www.xunta.es/linguagalega/peter_punk

Rosalía para a xente miúda

“Rosalía Pequeniña” é o título da outra actividade que está a percorrer os concellos de Galicia durante este verán. Neste caso, a iniciativa forma parte do programa de dinamización lingüística “FalaRedes 2013”, impulsado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para as entidades locais da RDL, coa que se quere achegar o idioma á xente miúda da casa por medio dun concerto familiar.

Na súa xira pola RDL Uxía viaxa acompañada do guitarrista brasileiro Sérgio Tannus para renovaren os versos máis coñecidos de Rosalía de Castro a ritmo de blues ou rock e dalos a coñecer ante o público familiar. As 11 pezas que compoñen o espectáculo musical poderanse aprender facilmente grazas aos ritmos actualizados e ás letras que, despois de 150 anos de ser publicadas, amosan que continúan vixentes.

Con esta iniciativa preténdese ademais fornecer ás familias de recursos de lecer en galego, nomeadamente de cancións, para que os nenos poidan achegarse á lingua e á literatura de Galicia de maneira divertida, aprendendo os ritmos e as melodías que compoñen o espectáculo para cantalas despois na súa vida cotiá.

Os vindeiro pase de “Rosalía Pequeniña” terá lugar o vindeiro luns en Xove, ás 12:00 horas no Salón de Actos do Centro Cívico. O martes será a quenda de Dumbría, cun concerto ás 20:00 horas na Casa da Cultura do Ézaro.

Toda a información e o calendario de “Rosalía Pequeniña” e de “FalaRedes 2013” está dispoñible en www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2013 e nas redes sociais.

 

22 de agosto de 2013 | 22:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.