publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Centro de Acollida de Animais Abandonados realizou máis de 600 intervencións nos primeiros 4 meses

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CañizaDozónGaliciaLocalMondariz-BalnearioO GrovePontevedraPortada dereitaProvincias
A-
A+
Visita ao centro de acollida

Visita ao centro de acollida

Con máis de 600 intervencións nos primeiros catro meses de funcionamento, o Centro de Acollida de Animais Abandonados (CAAN) da Deputación de Pontevedra demostrou que se trata dun servizo cunha alta demanda e que lle dá resposta a un problema real que moitos concellos da provincia non podían solucionar por si mesmos por falta de medios técnicos e de recursos económicos.

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, visitou esta mañá as instalacións do centro, no que nestes momentos hai acollidos 270 cans adultos e preto dun cento de cachorros de menos de 2 meses. Son datos que, a xuízo do titular da Administración provincial, demostran “o éxito dun servizo que foi posto en marcha para axudar ós concellos da provincia” e ó que xa están adheridos 48 municipios.

Louzán salientou que se trata dun centro que “está funcionando a pleno rendemento e cun éxito rotundo”.

Os concellos onde máis animais se recolleron foron O Grove (con 29 animais) e A Cañiza (con 23). No extremo contrario situáronse Dozón e Mondariz-Balneario, onde non foi preciso recoller ningún animal. Por comarcas, foi a do Salnés a que demandou un maior número de intervencións, 170.

Louzán incidiu en que, ó contrario do que desde algúns colectivos se tratou de facer crer, trátase dun servizo viable, que funciona e, o máis importante, que era moi necesario.

A Administración provincial investiu 120.000 euros en traballos orientados a mellorar o funcionamento do centro para que se consolide como un centro de acollida de referencia en toda a provincia.

O obxectivo é conseguir que estas instalacións lles dean a mellor das respostas ós concellos que xa están adheridos e a todos os que se poidan adherir nun futuro.

70 adopcións

Nestes 4 primeiros meses de funcionamento, o CAAN logrou 70 adopcións e as perspectivas son que se incremente notablemente o ritmo de adopcións coa próxima posta en marcha da web do centro, onde se incidirá na promoción das adopcións e desde a que se poderán axilizar os trámites para adoptar.

A concienciación contra os abandonos e a promoción das adopcións son dous eixes fundamentais do traballo do CAAN, que na actualidade colabora xa con diversas protectoras da provincia na recollida, recuperación e adopción de animais, como Peludos sen Fogar de Lalín ou Adopciones Galicia.

O 90%, sen microchip

O número de animais recollidos polo servizo de lacería é moito menor que o das intervencións feitas, dado que cando se trata de animais con microchip e perfectamente identificados avísanse os propietarios para que poidan recollelos no mesmo lugar da captura.

Deste xeito búscase premiar a aqueles propietarios que teñen o seu animal correctamente identificado e rexistrado, de forma que poden recuperalo facilmente e sen custo cando este se extravía. Así, preto de 150 puideron ser recuperados polos seus propietarios no centro de acollida.

A maiores, un 10% presentaban lesións ou enfermidades graves no momento da súa entrada no centro, derivadas de actuacións neglixentes, maltrato ou accidentes de tráfico. En todos os casos os animais son tratados polos veterinarios do centro para a súa recuperación.

Aforro dun 70%

A posta en marcha deste servizo supúxolles ós concellos da provincia tanto a posibilidade de prestar de forma eficiente e económica un servizo que estaba a resultar moi gravoso para as arcas municipais ou que, directamente, eran incapaces de prestar por careceren de recursos, malia ser de competencia municipal; coma o aforro que trouxo a súa posta en marcha (que para algúns municipios supera o 70% con respecto ó que estaban a pagar ata o de agora).

14 de agosto de 2013 | 01:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.