publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Mozos e mozas de fóra de Galicia participan no programa de voluntariado ambiental da Xunta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAllarizBóvedaCambadosGaliciaGalicia exteriorLocalLocal PortadaLugoMacedaMonforte de LemosO SaviñaoOurensePantónPontevedraProvinciasRiósSoberVerín
A-
A+

O programa de voluntariado ambiental de prevención e defensa contra os incendios forestais, que organizan conxuntamente e por quinto ano consecutivo a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar e a Dirección Xeral de Montes da Consellería de Medio Rural e do Mar, atrae a voluntarios procedentes de toda España, e mesmo do estranxeiro.

Ata a quenda que se desenvolve esta mesma semana, do 12 ao 16 de agosto, un total de 17 voluntarios procederon doutros puntos de España, concretamente da Rioxa, Salamanca, Guadalaxara, Barcelona, Asturias, Biscaia e Madrid. Na quenda da próxima semana, está previsto que catro voluntarios de Salamanca participen no campo de Riós, mentres que un de Madrid e outro de Arxentina colaborarán en Cambados.

O programa de voluntariado ambiental de prevención e defensa contra os incendios forestais desenvólvese en quendas de 5 días e está concibido como un campo de traballo no que grupos de 8 persoas voluntarias, xunto cun monitor, realizan diferentes actividades de sensibilización e información sobre a necesidade de coidado e preservación da masa forestal. Está a ter lugar nos meses de xullo e agosto nas comarcas de Santiago, Allariz-Maceda, Celanova, O Salnés, Verín e Terra de Lemos. Conta cun total de 192 prazas.

Os obxectivos son o de promover entre a cidadanía o coidado do medio ambiente, colaborar na vixilancia dos montes de Galicia, reforzar a idea da necesidade de conservar os recursos forestais e fomentar unha actitude de prevención de riscos contra incendios.

As actividades a realizar polos participantes no programa foron establecidas polos técnicos forestais da Dirección Xeral de Montes. Os voluntarios, que reciben unha formación inicial, participan en actividades de vixilancia ambiental, de control de especies invasoras que poden aumentar o risco de incendio ou de limpeza e desbroce de cortalumes.

Os participantes tamén poden colaborar na restauración de áreas incendiadas, localizar vertedoiros incontrolados, axudar na limpeza e caracterización de tramos fluviais, facer unha campaña de sensibilización sobre a importancia da conservación da masa forestal ou realizar actividades culturais vinculadas cos montes.

Ademais das actividades, que contan con monitores especializados, este programa de voluntariado tamén inclúe o aloxamento, a pensión completa e un seguro de accidentes e de responsabilidade civil.

Ao finalizar a súa participación neste programa, os voluntarios obteñen da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado un certificado de acreditativo da acción desenvolvida, que será inscrito como experiencia no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

15 de agosto de 2013 | 21:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.