publicidade hoxe

Feijóo fai un chamamento á colaboración cidadá na loita contra os lume

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCualedroLocal
A-
A+

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou a extraordinaria labor que están a realizar as 7.000 persoas que están a traballar durante a campaña de incendios. “O noso recoñecemento -dixo-, ás brigadas contra incendios da Xunta que, apoiadas por todos os medios aéreos e terrestres, están facendo un excelente traballo que está a evitar prexuízos moi serios en propiedades e persoas”, aseverou.

Feijóo,visitou o posto de mando avanzado do dispositivo de loita contra o incendio que afecta ao concello ourensán de Cualedro, fixo tamén un chamamento á colaboración cidadá na loita contra os lumes: “Solicitar primeiro que diminúan as posibles neglixencias e, segundo, que nos axuden a detectar quen son os que producen os lumes. Un deber de colaboración cidadá para detectar ás persoas que queren destruír o noso patrimonio e que queren atentar contra as propiedades e contra a vida das persoas”.

Neste sentido, e logo de lembrar que hai máis de 600 efectivos policiais e da Garda Civil despregados no territorio “que teñen distintas liñas de investigación abertas”, e de amosarse convencido de que as autoridades  xudiciais farán tamén o seu traballo, Feijóo referiuse, a modo de exemplo, ao incendio do concello de Cualedro. “Esta preocupación intensifícase aínda máis cando podemos comprobar como en concellos concretos hai 12 lumes nunha semana, dos cales, cinco, en fin de semana. Este lume que, grazas á pericia dos brigadistas e á colaboración dos veciños puidemos controlar con ventos fortes, avanzaba a unha media dun quilómetro por hora”, indicou.

Consciente da situación, Feijóo aseverou que o Goberno galego seguirá traballando coa maior intensidade posible. “Estamos en plena campaña de incendios e aínda queda moito traballo por facer; e estamos traballando con absoluta intensidade, sendo conscientes da preocupación que debe ter calquera goberno responsable. Preocupación por cada lume, cando sexa por causas naturais, pero unha preocupación moito máis intensa cando estamos ante lumes que teñen como orixe ou ben neglixencias ou ben intencionalidade”, insistiu.

Por último, o presidente da Xunta afirmou que esta preocupación é compartida por toda a sociedad galega “e non podemos entender que haxa incendios provocados pola man dunha persoas; non podemos entender nin aceptar que poida haber xente que estea plantando lume nos bosques e labradíos”, concluíu.

27 de agosto de 2013 | 16:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.