publicidade hoxe

Cospeito acolle un curso de adestramento de cans de pastoreo para os gandeiros da provincia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCospeitoLocalLocal PortadaLugoProvincias
A-
A+
Curso de pastoreo en Cospeito

Curso de pastoreo en Cospeito

Unha vintena de pastores da provincia poderán aprender as técnicas de adestramento para o pastoreo con cans da raza Border Collie. Tralo éxito das anteriores convocatorias, a Deputación volve convocar para esta fin de semana en santa María de Cospeito, unha nova edición destes cursos que inclúen formación específica para adestrar aos cans.

Os interesados poden inscribirse para a sesión do sábado ou do domingo, constando cada unha con 10 prazas. Coma en anteriores ocasións, a xornada será eminentemente práctica e se desenvolverá en horario de 9:30 a 13:30 e de 15:00 a 19:00 horas. Tamén se inclúe no programa do curso o visionado de videos explicativos das diferentes técnicas empregadas polos expertos para pastorear con esta raza. Segundo os entendidos a raza Border Collie conta cunhas importantes aptitudes para estes traballos, posto que é capaz de levar rabaños de ata 700 animais.

O encargado de impartir o curso será novamente o experto navarro Alejandro Ibarra Artus. As prazas son limitadas e reducidas para optimizar resultados. Os interesados poden obter máis información no teléfono 660 541 534 ou no correo electrónico victordagrelo@hotmail.com

Unha iniciativa de éxito

Xa son varias as ocasións nas que a Deputación organiza este curso de adestramento en vista da grande demanda e éxito de convocatoria. Nas anteriores sesións, celebradas en Cospeito e en A Fonsagrada, os participantes amosaron o seu interese por coñecer as técnicas de adestramento para esta raza, que debe empezar a instruirse entre os 5 e os 10 meses de vida do can. En total xa recibiron formación neste ámbito máis dun centenar de gandeiros.

A Área de Economía Rural e do Mar da Deputación pretende con estes cursos achegar facilidades para os gandeiros da provincia que poden aproveitar a formación no adestramento destes cans. Na provincia, só o 25% dos gandeiros contan con cans preparados para o pastoreo, malia que hai máis de dúas décadas que moitas explotacións luguesas teñen Border Collie, a raza mellor valorada en Europa para pastorear.

23 de agosto de 2013 | 00:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.