publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Continúa activo o incendio forestal, cunha superficie estimada de 300 ha, que afecta os concellos de Quiroga e Larouco

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLaroucoLocalQuiroga
A-
A+

Continúa activo arestora o incendio forestal rexistrado no concello lugués de Quiroga, parroquia de Vilanuíde, e que tamén afecta a parroquia de Seadur, no concello ourensán de Larouco.

O lume comezou ás 17:20 horas de onte domingo e a superficie afectada –segundo novas estimacións que se confirmarán tralo parametrizado– sitúase nas 300 hectáreas.

A Consellería do Medio Rural e do Mar declarou neste lume o Nivel 1, como medida preventiva pola súa proximidade aos núcleos de poboación.

Nos traballos de extinción deste incendio participaron ata o de agora 2 técnicos, 14 axentes forestais, 36 brigadas, 1 grumir, 19 motobombas, 2 palas, 8 helicópteros e 8 avións. Tamén se pediu colaboración á Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Extinguido Oímbra

Por outra banda, ás 23:20 horas de onte quedou extinguido un incendio forestal rexistrado na parroquia de A Granxa do concello ourensán de Oímbra, que se iniciara ás 16:18 horas.

Segundo as primeiras estimacións provisionais, que se confirmarán tralo parametrizado, a superficie afectada por este lume foi de 21,3 hectáreas, das cales a maioría (20,8) corresponden a monte raso e o resto (0,56) a arborado.

Na extinción deste incendio participaron 1 técnico, 4 axentes forestais, 8 brigadas, 3 motobombas, 5 helicópteros e 3 avións.

A Consellería do Medio Rural e do Mar lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Tamén a conta de twitter @incendios085 dedicada exclusivamente a ir actualizando a información sobre incendios.

12 de agosto de 2013 | 13:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.