publicidade hoxe

Comezan as obras da residencia e centro de día no Concello de Trabada

Gómez Besteiro explicoulle ó Alcalde o plan de obras nas que a Deputación inviste 1,2 millóns de euros e creará 20 postos de traballo no municipio. As instalacións, situadas no centro para dinamizar os negocios da zona, contemplan 24 habitacións con posibilidade de que sexan dobres.

1,2 millóns de euros de investimento

1,2 millóns de euros de investimento

Presentouse en Trabada o plan de obras da residencia da terceira idade e centro de día que hoxe mesmo comezou a construír a Deputación de Lugo. Gómez Besteiro destacou o forte investimento que acomete a Deputación con estas obras nas que inviste 1,2 millóns de euros, pero asegurou “paga a pena para poder atender como merecen os nosos maiores, e para crear aproximadamente 20 postos de traballo na comarca ademais de ser unha fonte de ingresos para o Concello de Trabada. Poucas administracións hoxe están apostando como a Deputación de Lugo polo benestar social máis o emprego”. Segundo explicou o Presidente da Deputación “con obras coma esta conseguimos que o envellecemento da poboación sexa unha oportunidade de emprego nunha provincia como a nosa na que é prioritario fixar poboación no rural e plantarlle cara ó despoboamento”. De feito, as instalacións estarán situadas no centro da vila co obxectivo de dinamizar a economía local da zona.

As prazas residenciais e as do centro de día distribuiranse segundo as necesidades dos veciños de Trabada. No proxecto figuran 24 habitacións, con posibilidade de que sexan dobres. É dicir, poderían habilitarse 48 prazas residenciais. A Deputación definirá finalmente en función das demandas, tendo en conta que, segundo os expertos, hoxe son moitos os maiores que non queren abandonar as súas casas e prefiren ser atendidos nun centro durante o día e seguir residindo nos seus fogares pola noite. De aí a dobre configuración destas instalacións como centro de día e residencia, unha oportunidade que a Deputación ofreceu desde o principio a todos os concellos onde vai construír unha destas instalacións.

As necesidades de persoal inclúen coidadores sociais, médicos, ATS, así como administrativos, cociñeiros ou persoal de limpeza, entre outros. Hai que ter en conta que, segundo as directrices da Lei de Servizos Sociais de Galicia, é obrigatorio contratar a un mínimo de coidadores por número de prazas, así como 1 médico e 1 ATS que presten atención ás 24 horas.

Para esta obra o Concello achega 200.000 euros, os servizos urbanísticos e os terreos necesarios. As obras dan comezo logo de esperar case un ano a que a Xunta lle concedese o informe favorable a este proxecto.

As obras destas instalacións en Trabada enmárcanse dentro da primeira fase do plan de implantación de residencias e centros de día públicos na provincia que desenvolve a Deputación. Nesta fase inicial tamén se inclúen obras para dotar de residencias e centros de día ós concellos de Castroverde, Fonsagrada, Navia de Suarna e Ribas de Sil.

Xunto á de Trabada, a Deputación tamén iniciou hai un mes as obras de construción da Residencia e Centro de Día público de Castroverde. Estes traballos engádense ós da Fonsagrada, onde o organismo provincial tamén está a executar as obras do centro para a terceira idade. Proximamente, a institución adxudicará tamén os proxectos de Pol e Pedrafita do Cebreiro para, a continuación, contratar os de Navia de Suarna e Ribas de Sil. Guitiriz é o único caso na provincia no que o seu alcalde rexeitou o centro de día con residencia que tiña asinado a Deputación coa anterior rexedora.

16 de agosto de 2013 | 15:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.