publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A obra do abastecemento de Carballeira de Valdeorras estará rematada en 2014

Agustín Hernández sinala que con esta actuación, na que se invisten 600.000 euros, evitaranse perdas de auga, mellórase a calidade do recurso e fomentase o consumo responsable. Tamén se urbanizará a zona do depósito de Sobradelo e se renovará a carpintería da estación de tratamento de auga potable (ETAP) do municipio. O conselleiro tamén supervisou os traballos de acondicionamento realizados na estrada O Barco de Valdeorras- Prada (OU-121), cuxo obxectivo foi mellorar a seguridade viaria. En relación con outras infraestruturas ambientais, avanza que no mes de setembro se adxudicarán as obras do punto limpo da

Treito onde se realizan as obras

Treito onde se realizan as obras

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, sinalou esta mañá que a obra de mellora do abastecemento a Carballeda de Valdeorras estará rematada en 2014. Destacou a importancia desta actuación hidráulica, xa que implica, entre outros aspectos, a construción de 12 quilómetros de novas conducións e un investimento global de case 600.000 euros.

Hernández supervisou esta mañá as obras deste proxecto hidráulico que executa Augas de Galicia. Recordou que na actualidade os núcleos de Sobradelo e Pumares son abastecidos mediante unha captación no río Candeda que está en deficiente estado de conservación. Isto provoca continuas roturas no subministro e momentos de restricións en época de escaseza de auga. Neste senso, coas obras contempladas nesta mellora de abastecemento solucionaranse estas carencias neste concello ourensán.

Na captación no río Candeda proxectarase un camiño de acceso de 1.746 metros, limparase o azude e colocarase unha comporta, así como unha arqueta de filtrado, caseta e peche. Ademais no depósito de Sobradelo co fin de urbanizar o conxunto da depuradora e depósitos executarase un peche perimetral da instalación e pintaranse exteriormente os depósitos.

Esta mellora do abastecemento inclúe a renovación de carpintería e outros arranxos na estación de tratamento de auga potable (ETAP) de Carballeda de Valdeorras, así como unha bomba para elevar a auga a 110 m. de altura e 3,5 l/s.

O departamento que dirixe Agustín Hernández, mediante este tipo de obras, colabora cos concellos galegos co fin de resolver carencias en infraestruturas, mellorando a calidade de vida dos cidadáns. No caso do Concello de Carballeda de Valdeorras, preto de 800 habitantes beneficiaranse deste proxecto hidráulico.

Lembrou que esta actuación concreta é froito da colaboración entre a Administración xeral do Estado e a Xunta para a execución, seguimento e avaliación das accións incluídas nos plans de zona das súas zonas rurais.

Destacou que grazas a esta mellora garántese o subministro de auga en calidade e cantidade á poboación, a renovación da rede de abastecemento, co fin de evitar perdas de auga, a mellora da calidade da auga e tamén suporá o fomento do consumo responsable.

Hernández argumentou que a sensibilidade da Xunta coas necesidades hidráulicas de Carballeda de Valdeorras queda tamén demostrada a través da colaboración da Xunta na mellora da Estación depuradora de Valdeorras. Medio Ambiente asumirá un 50% do investimento que deberá aportar o concello, é dicir, 150.000 euros dos 300.000 que corresponder asumir á entidade municipal. O importe global da actuación que está a redactar a Confederación Hidrográfica -entidade que executará á obra- ascende a 1,5 millóns de euros.

Non obstante, o conselleiro recoñeceu que a Xunta a Deputación e os concellos de do Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras deron un paso significativo ao crear e participar no Consorcio de Augas de Valdeorras. Trátase dunha entidade que está en funcionamento dende xaneiro deste ano e que é un exemplo para a prestación de servizos mancomunados para outros concellos e zonas de Galicia.

Por outro lado, o conselleiro tamén adiantou que a mediados do mes de setembro adxudicaranse as obras para a construción do punto limpo da Veiga, unha infraestrutura medio ambiental na que se invisten 360.000 euros e que estará rematada no primeiro trimestre de 2014.

Mellorar a seguridade viaria

O conselleiro de Medio Ambiente tamén supervisou esta mañá as actuacións executadas na estrada OU-121 (O Barco de Valdeorras – Prada) pola Axencia Galega de Infraestruturas. Un proxecto de acondicionamento e adaptación ao Plan de Baixa Intensidade Media Diaria (IMD), que supoñen a mellora da seguridade viaria no vial autonómico, sinalou Hernández.

Os traballos executados consistiron no ensanche da plataforma ata 7 metros e a rectificación das curvas localizadas no dominio público mantendo o trazado, así como a reposición completa de sinalización e balizamentos.

O conselleiro de Medio Ambiente declarou que esta obra, prevista no Plan Move, beneficiará a máis de 15.000 habitantes dos municipios de O Barco e A Veiga.

O Goberno galego destinou para estes traballos de mellora un orzamento de 4,8 millóns de euros co fin de cumprir o obxectivo de Plan Move e mellorar a seguridade viaria da calzada.

14 de agosto de 2013 | 10:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.