publicidade hoxe

A IV Peregrinación Marítima rematou cunha alta participación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesFozLocalRibadeoViveiro
A-
A+

Preto de 20 embarcacións percorreron a costa lucense partindo dende Viveiro ou Ribadeo ata Foz neste evento que cada ano reúne a un maior número de persoas.

Preto de 20 embarcacións percorreron a costa lucense

Preto de 20 embarcacións percorreron a costa lucense

Máis dun cento de persoas participaron na Peregrinación Marítima que organizan cada ano a Deputación de Lugo e o Clube Náutico de Foz. Unha xornada que reuniu un gran número de participantes xa que ademais dos particulares que se achegaron coa súa embarcación, este ano a organización deu a posibilidade a todo aquel que quixera de celebrar o seu bautismo de mar. Deste xeito tres embarcacións “charter” percorreron a ruta marítima que vai dende Ribadeo ou Viveiro ata Foz acompañando ós veleiros de particulares.

A Deputación apoia esta iniciativa porque considera o evento unha boa oportunidade para promocionar o turismo de costa, que goza, cada vez máis, dunha grande aceptación entre o público. Os organizadores consideran a cita todo un éxito xa que o número de participantes crece ano tras ano.

O bo tempo acompañou a xornada e ata a costa lucense se achegaron navegantes de toda Galicia e Asturias que non quixeron perder a oportunidade de desfrutar da viaxe. Nesta cita participan embarcacións de moi diversa clase que só teñen en común o amor polo turismo náutico e aproveitan a xornada para reivindicar melloras nos servizos dos portos lucenses. Así se puido ver navegando o “Dorelly” unha embarcación artesanal con velas de tea de algodón que constrastaba con outros barcos de primeira liña moi modernos. Tamén chamou a atención un Dufour 455 de máis de 10 metros de eslora e os chegados dende Avilés e Gijón, Budlleox e Montsacro. En definitiva, a xornada caracterizouse polo mar calmo, o sol e un ambiente festivo.

Á súa chegada a porto, os barcos que así o quixeron realizaron unha regata non competitiva e entre os participantes se repartirán trofeos conmemorativos esta noite na cea de Gala. As embarcacións participantes partirán mañá dende o porto de Foz cara ós seus lugares de procedencia.

O turismo náutico, en auxe

O turismo náutico supón un importante factor de crecemento a potenciar. Hai que ter en conta que a provincia lucense conta cunha situación estratéxica como punto de paso de embarcacións e cruceiros e con estupendas condicións de navegación nas rías; a localización dos seus portos nas inmediacións dos núcleos urbanos; os atractivos turísticos da zona, a gastronomía e a natureza son factores clave para axudar a un sector un auxe.

Ademais, o turismo náutico está intimamente ligado ó turismo de calidade e, polo tanto, é unha fonte de riqueza, que permite, ademais, aproveitar de xeito sostible os recursos existentes da costa, respectando o medioambiente, un elemento fundamental para atraer a turistas á provincia de Lugo.

A Peregrinación Marítima de Cruceiros é unha das múltiples actividades que a Deputación de Lugo ten posta en marcha na Mariña, e que amosan as múltiples posibilidades da desestacionalización do turismo, a través das actividades de natureza, deporte ou medioambiente.

20 de agosto de 2013 | 00:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.