publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A directora de Turismo de Galicia visita o Hotel monumento San Clodio e o Balneario de Berán en Leiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLeiroLocalLocal PortadaOurenseProvincias
A-
A+

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, e mais o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez, acompañados polo alcalde de Leiro, Francisco Fernández, realizaron esta mañá unha vista ás instalacións do Balneario de Berán e mais ao Hotel Monumento San Clodio.

Durante a visita, a directora de Turismo resaltou a potencialidade do destino O Ribeiro, por ser “un dos enclaves turísticos máis singulares da comunidade”. Segundo dixo,  a súa combinación de territorio vitivinícola coa súa riqueza termal e minero-medicinal, así como a súa ben coñecida e afamada gastronomía xunto coa súa oferta cultural, histórica e artística de primeira orde son “todo un reclamo para vivir unha experiencia turística diferente e caracterizada polo contacto coa natureza e a vida saudable”.

Ao respecto do Balneario de Berán, Nava Castro incidiu nas propiedades curativas das súas augas e no gran potencial do turismo de saúde para a comunidade galega. Segundo dixo “o gran potencial termal da nosa comunidade enriquece a experiencia turística e aporta un valor engadido ao destino dado que permite disfrutar do turismo de saúde e combinalo con outras experiencias ou vivencias”. Segundo indicou, no primeiro semestre de 2013, de acordo aos datos do Instituto de Estudos Turísticos de Galicia, máis de 151.449 viaxeiros disfrutaron de estadías nos balnearios galegos. En total, rexistráronse de xaneiro a xuño 331.380 pernoitas e preto de 90 mil viaxeiros realizaron tratamentos sen aloxamento nalgunha das estacións termais galegas.

Visita a San Clodio

A directora de Turismo realizou tamén un percorrido polo mosteiro de San Clodio, no que Turismo de Galicia realizou nos primeiros meses deste ano obras para subsanar patoloxías construtivas desta edificación emblemática. Reparáronse as carpinterías e melloráronse as instalacións sanitarias, reforzouse a climatización e desenvolvéronse tarefas de limpeza e aplicación de hidrofugante.

Ao respecto dos datos de ocupación hoteleira da provincia, Nava Castro explicou que segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estadística, a provincia de Ourense ten rexistrado no mes de xuño deste ano un incremento da demanda hoteleira. Así, os viaxeiros aloxados medraron un 2,78% a respecto do mesmo mes de 2012. O turismo internacional na provincia ten aumentado máis dun 28% na cifra de viaxeiros e máis dun 16% na cifra de pernoitas.

No tocante aos datos do primeiro semestre, a cifra de viaxeiros aloxados en establecementos hoteleiros de Ourense na primeira metade do ano supera nun 32% a rexistrada o ano pasado e a de pernoitas sube un 3,5%. Nos primeiros seis meses do ano, o turismo internacional medrou en Ourense un 6,20%, rexistrando máximos históricos tanto en volume de viaxeiros como no peso dentro da estrutura da demanda.

12 de agosto de 2013 | 13:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.