publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A delegada da Xunta na Coruña supervisa en Cariño as obras de mellora do CEIP Manuel Fraga Iribarne

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCariñoGaliciaLocalLocal PortadaProvincias
A-
A+
Belén do Campo durante a visita

Belén do Campo durante a visita

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou esta mañá o colexio de educación infantil e primaria (CEIP) Manuel Fraga Iribarne, do municipio de Cariño, para supervisar o avance das obras de mellora e acondicionamento que se están a realizar cun investimento de 54.180 euros.

Do Campo percorreu as dependencias escolares acompañada pola alcaldesa, Purificación Seixido, polo xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, e polo director do centro, Antonio Caloto. A representante do Executivo galego na provincia recordou que o Goberno autonómico, a través da Consellería de Cultura e Educación, está nestes momentos a instalar un ascensor do que carecía ata o de agora o centro e tamén procederá á eliminación das barreiras arquitectónicas. O obxectivo é facilitar a accesibilidade dos alumnos e de todo o persoal, así como de adaptar as instalacións á normativa vixente.

Dada a envergadura dos traballos, estes estanse a acometer durante o período non lectivo das vacacións de verán, coa fin de non interferir na actividade académica e que estean listos para o comezo normal do vindeiro curso.

Do mesmo xeito, a delegada territorial destacou que a actuación no colexio Fraga Iribarne inclúese no paquete de intervencións programado pola Xefatura Territorial de Educación de posta a punto dos centros educativos. Así, nas últimas semanas na comarca de Ortegal estívose a traballar tamén no CEIP da Barqueira, no concello de Cerdido, para a eliminación das goteiras e filtracións de auga detectadas, mentres que no colexio José María Lage, de Ortigueira, se procedeu á reparación e mellora das fachadas das instalacións. En total, o departamento destinará máis de 67.000 euros a estes proxectos.

Con estas actuacións, indicou a representante do Goberno galego na provincia, a Xunta “está a dar resposta ás necesidades educativas detectadas no municipio, cumprindo o compromiso adquirido coas comunidades educativas de cada centro, coas que se consensuaron estas medidas”. Na mesma liña, subliñou que “a Xunta traballa para seguir avanzando na adecuación das infraestruturas coa fin de continuar mellorando as condicións de traballo e estudo dos mestres e alumnos”.

29 de agosto de 2013 | 13:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.