publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A campaña ‘Ponlle as pilas ao teu bocata’ de promoción do consumo de conservas entre os cativos comezará en Coirós

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCoirósGaliciaLocalLocal PortadaXuventude
A-
A+

O secretario xeral do Mar, Juan Maneiro, visitou hoxe o obradoiro que dá comezo á campaña de verán de Ponlle as pilas ao teu bocata e que se desenvolveu na Escola de Educación Infantil de Coirós coa participación de máis dunha trintena de nenas e nenos desta localidade coruñesa.

A iniciativa, impulsada pola Consellería do Medio Rural e do Mar en colaboración coas consellerías de Educación e Sanidade e de Anfaco-Cecopesca, pretende fomentar o consumo de conservas de peixe e moluscos entre os máis cativos e transmitirlles a importancia das súas achegas nutritivas.

Os obradoiros consisten nunha explicación participativa sobre o consumo do peixe e os beneficios das conservas seguida de diferentes xogos didácticos relacionados coa pesca, o procesamento do produto, a conservación medio ambiental e a clasificación dos peixes e mariscos. Por último, os pequenos elaboran os seus bocatas a base de conservas para a súa posterior degustación.

A través destas actividades, a Consellería pretende promover o consumo das conservas entre os rapaces e que se familiaricen co mundo da conserva de peixe e marisco para aumentar o interese por este produto e os seus coñecementos sobre as distintas especies de peixe e molusco e as súas características nutricionais. A campaña Ponlle as pilas ao teu bocata tamén estivo presente durante o curso nas aulas de colexios públicos de toda Galicia e en diferentes eventos deportivos e culturais.

Calendario de agosto

Tras esta presentación en Coirós, Medio Rural e Mar achegará esta campaña durante o mes de agosto aos seguintes concellos:

- A Pobra de Trives (Ourense). 13 de agosto.
- Alfoz (Lugo). 14 de agosto.
- Culleredo (A Coruña). 19 de agosto.
- O Valadouro (Lugo). 20 de agosto.
- Ribadumia (Pontevedra). 21 de agosto.
- O Grove (Pontevedra). 23 de agosto.
- Trazo (A Coruña). 24 de agosto.
- San Sadurniño (A Coruña). 28 de agosto.
- Piñor (Ourense). 29 de agosto.
- Frades e Mesía (A Coruña). 31 de agosto.

12 de agosto de 2013 | 13:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.