publicidade hoxe

A bioconstrución centra o campo de traballo de Corcerizas en Vilar de Barrio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVilar de BarrioXuventude
A-
A+

O delegado territorial, Rogelio Martínez, visitou hoxe os 20 participantes nesta iniciativa chegados de Turquía, Rusia, Francia, Italia, Uruguai, Andalucía, Canarias, A Rioxa e Galicia.

Os voluntarios están a realizar traballos que mostran como utilizar materiais ecolóxicos para minimizar os impactos sobre a saúde, o medio e a sociedade.

O albergue onde se celebra esta actividade foi seleccionado a nivel internacional, sendo o único candidato español, a optar ao Fondo para a sostenibilidade Hostelling International.

Na provincia de Ourense se están a desenvolver durante este verán 4 campos de traballo destinados a voluntarios maiores de 18 anos, cun total de 90 prazas, 50 máis das ofertadas en 2012. Así o subliñou o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, durante a visita que realizou hoxe ao campo de traballo que acolle o albergue As Corcerizas, no municipio de Vilar de Barrio.

Esta actividade, que está incluída na programación da Campaña de Verán, céntrase na difusión da bioconstrución a través de traballos colectivos que nos mostren como utilizar materiais ecolóxicos para minimizar os impactos que coa nosa forma de vida xeramos sobre a saúde, o medio e a sociedade. Rogelio Martínez explicou que os participantes están a levar a cabo actividades de rehabilitación de estruturas dos edificios bioclimáticos a través da elaboración de morteiros de barro e aplicación en revocaduras de paredes interiores, colocación de taboleiros de cortiza para illamento interior de paredes ou tratamentos naturais para as estruturas de madeira dos edificios, baseados en aceites de liñaza.

Ademais, os 20 voluntarios que están a tomar parte neste campo de traballo están a colaborar na vixilancia disuasiva para a prevención e detección de posibles incendios no ámbito da Serra de San Mamede, ao tempo que están a desenvolver traballos forestais para a limpeza de sotobosque e a restauración de zonas degradadas por lumes.

Os participantes nesta iniciativa organizada pola Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, proceden de Turquía, Rusia, Francia, Italia, Uruguai, Andalucía, Canarias, A Rioxa e Galicia.

Candidato a un premio internacional

O albergue As Corcerizas onde se desenvolve ata o próximo 12 de agosto este campo de traballo é un centro de formación e educación ambiental xestionado pola asociación Amigos da Terra.

Nestas datas coñeceuse a nova de que foi o único seleccionado a nivel nacional dentro da Rede Española de Albergues Xuvenís (REAJ) para optar a unha subvención de 30.000 euros que concede o Fondo para a sostenibilidade Hostellling International a albergues con proxectos dirixidos a mellorar o medio. Para apoiar a súa candidatura a nivel internacional pódese entrar na páxina www.reaj.com/sostenibilidad.html e votar polo proxecto do Albergue As Corcerizas (Spain).

9 de agosto de 2013 | 18:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.