publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Baña, Negreira, Santa Comba e Val do Dubra aforrarán máis do 50% en iluminación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA BañaA CoruñaGaliciaLocalLocal PortadaNegreiraProvinciasSanta CombaVal do Dubra
A-
A+
Visita do director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces

Visita do director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces

As actuacións levadas a cabo nesta agrupación municipal permitirán reducir a factura eléctrica en máis de 45.000 euros por exercicio, o que suporá un aforro enerxético de preto de 270.000 KWh/ano. Evitarase a emisión á atmosfera arredor de 174.000 kg de CO2 ao ano, cifra equivalente á plantación de 8.700 árbores.

A Xunta de Galicia, no seu afán por impulsar medidas de aforro e eficiencia enerxética a nivel local prestando apoio económico aos concellos galegos, vén de resolver a liña de axudas para a renovación da iluminación pública exterior. Neste sentido, e como destacou hoxe o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, nunha visita ao concello de Santa Comba, a través deste programa a Consellería de Economía e Industria facilita a substitución de luminarias por outras máis eficientes en 30 agrupacións municipais entre as que se atopa a dos concellos de A Baña, Negreira, Santa Comba e Val do Dubra, que verán diminuída a factura eléctrica das zonas beneficiadas en máis dun 50%.

“A través desta actuación contribuímos ao aforro enerxético dos concellos nunha das súas partidas máis destacables, tendo en conta que a iluminación pública supón, de media, case o 70% do consumo eléctrico dun municipio”, explicou Bernardo Tahoces.

Neste sentido, a actuación suporá un aforro na factura eléctrica anual da agrupación de máis de 45.000 euros nas zonas beneficiadas, e un aforro enerxético de arredor de 270.000 KWh/ano. Deste xeito, o concello da Baña aforrará por exercicio case 6.000 euros, Negreira máis de 10.500 euros, preto de 21.500 euros no caso de Santa Comba e cerca de 7.000 euros no Val do Dubra. Así mesmo, o conxunto das novas instalacións suporán unha redución das emisións á atmosfera de preto de 174.000 Kg de CO2 ao ano, cifra equivalente á plantación de 8.700 árbores.

Do total do montante económico da axuda, preto de 50.000 euros irán destinados ao concello da Baña, arredor de 43.000 euros para Negreira, máis de 45.500 euros a Santa Comba e 51.000 euros para Val do Dubra.

Con esta actuación, como resaltou o director de Enerxía e Minas, “a Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia, mostra unha especial sensibilidade cos municipios por ser a administración local a máis achegada aos cidadáns”, tendo as medidas adoptadas un maior grao de visibilidade e repercusión pública.

Un cento de concellos

O director xeral de Enerxía lembrou que a Xunta de Galicia, coa fin de impulsar medidas de aforro e eficiencia enerxética a nivel local, destinou este ano 4 millóns de euros a este programa de iluminación exterior do Inega, case o dobre que na anterior convocatoria.
Deste xeito, a liña de axudas permitiu beneficiar a preto dun centenar de municipios, todos eles agrupados en asociación de entre 2 e 4 concellos, e suporá un aforro anual conxunto de 1 millón de euros e un aforro enerxético de 5 millóns de KWh/ano, o equivalente ao consumo anual dunhas 1.400 familias.

Cómpre lembrar que, entre as principais novidades, o programa promovía este ano as actuacións conxuntas de agrupacións municipais, incrementando a valoración dos proxectos un 30% e a contía da axuda nun 15% con respecto ao 70% que lle correspondería a cada municipio de xeito individual. Co desenvolvemento destes proxectos de asociacións municipais mobilizaranse 6 millóns de euros, fomentando a cooperación institucional e diminuíndo os custos de execución.

22 de agosto de 2013 | 23:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.