publicidade hoxe

20 mozos participarán no campo de traballo de Muíños (Ourense)

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCelanovaEsgosLocalLocal PortadaMuíñosOurenseProvinciasVilar de Barrio
A-
A+

Mañá comezará en Muíños o campo de traballo “Natureza Viva”, no que 20 participantes de entre 18 e 30 anos colaborarán na recuperación de áreas degradadas, en mellorar os accesos dos albergue no que ten lugar esta iniciativa, e na reforestación de zonas do parque de Outeiro da Cela.

Os mozos e mozas, que proveñen de Galicia e outras comunidades autónomas, distribuiranse en 5 grupos de traballos que se irán alternando para pintar murais no complexo, traballar ana reforestación, reparar os accesos ao albergue, realizar o recheo de regos e tallas de augas pluviais, e participar nas actividades complementarias.

Ademais do de Muíños, a provincia de Ourense acolleu este verán outros tres campos de traballo máis que tiveron lugar en Celanova, Vilar de Barrio e Esgos, que ofertaron en total 90 prazas.

Estas iniciativas forman parte da campaña de verán que organiza a Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, e que na provincia de Ourense está a ofertar este verán un total de 785 prazas en disintas actividades xuvenís (campamentos, campos de traballo….), un 45,3 por cento máis das que había en 2012.

Celanova, Esgos e Vilar de Barrio

O campo de traballo de Celanova tivo lugar entre o 15 e o 31 de xullo e estivo centrada na temática audiovisual. Os 30 participantes participaron en obradoiros de formación das distintas disciplinas que se conxugan para elaborar unha curtametraxe, polo que aprenderon de forma práctica como redactar un guión, a produción, a rodaxe e a montaxe, e a posprodución.

Do 1 ao 12 de agosto, organizáronse nos albergues de Vilar de Ordelles (Esgos) e das Corcerizas (Vilar de Barrio), dous campos de traballo de carácter medioambiental, de 20 prazas cada un.

No caso de Esgos, especializouse en actividades de restauración e construción como a sinalización, a elaboración de letreiros artesanais en madeira, a recuperación de pontes antigas e a colocación de muros de pedra. Pola súa banda, o de Vilar de Barrio centrouse na difusión da bioconstrución, a través de traballos colectivos que mostran como utilizar materiais ecolóxicos para minimizar os impactos sobre a saúde, o medio e a sociedade.

En total en Galicia, organízanse 13 campos de traballo con 310 prazas, entre os que se inclúen os 4 ourensáns. As actividades abranguen desde o eido etnográfico e cultural ata o ámbito arqueolóxico ou de fomento do emprendemento.

Os campos de traballo están dirixido tanto á mocidade galega como a aqueles que residen noutras rexións ou países. Á súa vez, os mozos e mozas galegos poden inscribirse tamén nalgún dos 49 campos de traballo que se organizan noutras comunidades autónomas, ou nalgún dos que se celebran en 27 países.

O obxectivo destas actividades é favorecer a convivencia, participación, tolerancia e solidariedade entre a mocidade a través da realización de labores voluntarias en actuacións de interese social.

15 de agosto de 2013 | 21:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.