publicidade hoxe

O espectáculo “Dous pallasos en máis apuros” chega ás rúas de Laxe

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLaxeLocal
A-
A+

A Concellería de Cultura e Benestar Social do Concello de Laxe, ten o pracer de informarlle de que o vindeiro xoves 25 de xullo, terá lugar a segunda das actuacións da programación cultural prevista para os xoves deste verán.

Este próximo, contaremos co grupo dos 7 magníficos máis 1 que, achegarán a Laxe un espectáculo cómico para público familiar que recupera as farsas de circo clásico e as reinventa, trasladando ao espectador ás máis grandes gargalladas baixo o prisma da calidade e do bo facer.

Se as condicións climatolóxicas o permiten, en principio está previsto realizala na Praza de Ramón Juega, coma vén sendo habitual nas actuacións dos xoves ás 20:00 horas. En caso de choiva, a actividade trasladarase ao Patio Cuberto de Parvulitos (enfronte da Casa do Concello)

Recordámosvos que este domingo, 28 de xullo, a partir das 19.30 horas celebraremos o XII Certame da Canción Mariñeira na Praza de Ramón Juega. En caso de choiva, o acto celebrarase no salón de actos municipal de Laxe.

Algúns datos máis do espectáculo deste xoves:

Logo de máis de cen representacións do seu anterior espectáculo Dous Pallasos en Apuros (2009), Os Sete Magníficos máis Un presentan a súa nova producción clown Dous Pallasos en Máis Apuros. Ruactiva.

Creado polo director e dramaturgo argentino Walter Velázquez e pola propia compañía e dirixido por Iván Prado a partir de farsas clásicas do mundo do circo, con Dous Pallasos en Máis Apuros a compañía volve apostar pola recuperación e actualización de gags do pallaso tradicional.

Un espectáculo para público infantil e familiar no que a parella de clowns Pedro Brandariz e Fran Rei recrean números cómicos a través das ferramentas habituais de “Os Sete Magníficos máis Un”: a improvisación, a actitude de risco, a sinceridade do pallaso, a humildade do comediante e, sobre todo, a dignidade clown para saír das situacións máis complicadas.

Nesta ocasión, os nosos dous protagonistas transfórmanse en dous aloucados acróbatas dispostos a presentar o seu abraiante número de circo cheo de risco e emoción: O Vaso da Morte. Pero como adoita pasar nos espectáculos de “Os Sete Magníficos máis Un”, nada lles sae como desexan. Así, o que ía ser un exercicio acrobático propio dos mellores artistas circenses, convértese nunha sucesión de desastres, desencontros e accidentes, pasando do tradicional Más Difícil Todavía (Aínda Máis Difíci) ao cómico Peor Imposible.

24 de xullo de 2013 | 13:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.