publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Conselleiro de Cultura participa nos actos de reapertura da igrexa de Santa Cruz de Terroso en Vilardevós

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocalVilardevós
A-
A+

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou hoxe, acompañado do alcalde, Manuel Cardoso, nos actos cos que se fixo a reapertura oficial da igrexa de Santa Cruz de Terroso, no concello ourensán de Vilardevós, tras as obras de restauración realizadas nela, nas que a Consellería investiu máis de 150.000 euros.

Ao remate dos actos Xesús Vázquez salientou estes traballos como unha mostra máis do compromiso do seu departamento coa conservación das manifestacións máis sobranceiras do noso patrimonio cultural. A igrexa é un inmoble perfectamente integrado no seu contorno, construída entre os séculos XVIII e XIX, nun sinxelo estilo historicista.

Melloras na cuberta e nas estruturas internas

As obras de conservación e restauración realizadas, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, afectaron a varios elementos do templo. No caso da cuberta, substituíse a súa estrutura de madeira, que pasou a ser de castiñeiro, e conta agora con illamento térmico, lámina impermeabilizante transpirable, fibrocemento e tella cerámica curva. Ademais os encontros das cubertas entre a torre e o corpo principal terán unha lámina de chumbo.

A igrexa conta agora tamén con carpintería de bronce nas súas fiestras, que teñen ademais ventilación permanente a través dos vidros solapados que tamén se instalaron. Así mesmo renovouse a instalación eléctrica e de iluminación tanto do interior do templo coma unha iluminación ornamental da fachada.

Respecto das estruturas interiores, ademais da renovación de toda a cuberta, acondicionouse a escaleira de subida ao coro e restaurouse a varanda do mesmo. O pavimento de terrazo do presbiterio e as escaleiras foron substituídos por elementos de cantería de nova execución, máis acordes coa protección e os valores culturais do inmoble.

7 de xullo de 2013 | 14:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.