publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Economía apoia a VII Feira de artesanía de Outeiro de Rei pola súa promoción do produto artesán galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocalLocal PortadaOuteiro de Rei
A-
A+
Sol Vázquez visitando os postos de artesanía

Sol Vázquez visitando os postos de artesanía

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, inaugurou hoxe a sétima edición da Feira de Artesanía de Outeiro de Rei, mostra que se celebra ata o vindeiro luns e que se caracteriza polo lugar destacado que ocupan os oficios máis tradicionais.

Neste sentido, o impulso á promoción e á comercialización da artesanía galega é un dos eixos da estratexia integral de apoio ao sector que está a desenvolver a Consellería de Economía e Industria. Tal e como salientou Vázquez Abeal nun acto no que estivo acompañada pola delegada territorial de Lugo, Raquel Arias, as feiras como a de Outeiro de Rei serven como puntos de encontro que permiten divulgar os oficios artesanais, concienciar á poboación do valor da artesanía, e impulsar a comercialización do produto artesán galego. 

Dende o seu nacemento no ano 2007, a feira pretende impulsar o traballo artesanal galego, e en particular o que se está a realizar no propio municipio. Destaca entre un dos seus principais obxectivos o apoio ás catro olarías de tradición que aínda perviven en Galicia: a da parroquia de Bonxe en Outeiro de Rei, a de Gundivós (Sober), a de Buño (Malpica de Bergantiños) e a de Niñodaguia (Ourense). Deste xeito, a mostra busca converterse nun expoñente da artesanía tradicional en Galicia.

A feira, situada nas inmediacións da casa consistorial, acolle todo tipo de artesáns que poñen á venda unha ampla variedade de produtos: olería, cestería, madeira, coiro, ferro, prata, bixutería, tecidos, instrumentos musicais, gancho e calceta, bordado á man, traxes tradicionais, feltro ou xogos. O programa complétase con actividades paralelas como unha mostra e degustación de produtos de alimentación, actuacións musicais, unha exhibición canina, outra de pintura e obradoiros para nenos, entre os que destacan o de barro, o de marionetas, o de cestería ou o de xogos tradicionais.

A participación nesta feira encádrase na estratexia de impulso ao sector artesán galego que desenvolve a Consellería de Economía e Industria a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, un apoio que vén de ser recoñecido nos Premios Nacionais de Artesanía, onde a Fundación resultou gañadora na categoría Promociona para Entidades Públicas.

Galicia é ademais a única comunidade autónoma que conta cunha marca propia, Artesanía de Galicia, que é un selo de calidade, innovación e deseño baixo o que se representa ao sector artesán galego en todos os mercados.

6 de xullo de 2013 | 18:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.