publicidade hoxe

As Pontes vestirase de festa coas primeiras actividades culturais e deportivas na honra á Virxe do Carme

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs PontesLocal
A-
A+

O Concello de As Pontes está xa inmerso nas actividades das súas festas locais adicadas á Virxe do Carme e é que xa se poden ver, por todos os recunchos do municipio os carteis anunciadores destes festexos, a súa revista oficial e diferentes trípticos informativos sobre a multitude de actividades que se desenvolverán ata o 25 de xullo, neste municipio.

A música das mellores orquestras coma a París de Noia, Sintonía de Vigo ou Olympus convivirá con actividades para o público infantil, obras de teatro, celebracións litúrxicas e competicións deportivas nas que o complicado será atopar tempo para aburrirse.

Para este 2013, a Comisión de Festas do Carme e a Fraga dispuxo de 180.000 euros que serviron para idear un entretido programa de festexos que,  malia que non arrincará oficialmente ata o 19 de xullo co tradicional pregón, xa vivirá nas vindeiras horas as súas primeiras actividades.

De feito, dende a Comisión de Festas, animábase a todos os veciños a participar destes festexos patronais, todo un acontecemento do verán na comarca e no que tamén se contará coa presenza de veciños doutros municipios da contorna ante o atractivo cartel de ocio que, ano tras ano, se idea para estas datas.

Programa da fin de semana

Como non podía ser doutro xeito a música ocupará un dos papeis principais destes días, e así xa mañá mesmo será posible desfrutar do espectáculo de percusión Latexos: A Orixe, a terceira e derradeira parte do proxecto musical dirixido por Nacho Sanz e que arrincaba hai dous anos con Gaia, retomándose o ano pasado con Latexos e que agora volverá contar coa participación de alumnos e alumnas das escolas municipais de música e danza e o alumnado do Conservatorio de Música de As Pontes.

O auditorio municipal Alovi albergará mañá, ás 21.00 horas, este espectáculo que será de entrada libre.

Asemade, tamén neste mesmo escenario pero xa na tarde do sábado terá lugar a XXVIII Mostra de Música Coral, un recital organizado pola Agrupación Coral Endesa – As Pontes e que contará coas actuacións das corais polifónicas Vía Sacra de Sobrado e  Neria da Costa da Morte, que actuarán dende as 20.00 horas xunto coa formación anfitrioa. Este concerto tamén será de entrada gratuíta.

Non faltarán as actividades para os máis pequenos xa que, durante a fin de semana, continuará aberto Mundoxogo, unha colección de xogos e actividades infantís que abrían as súas portas a principios desta semana e na que podemos atopar dende xogos de mesa ata competicións de billar, scalextric, futbolín, xogos de construcción, manualidades ou debuxo e ata un campo de softball, ubicado nos Xardíns do Campo da Feira.

Mundoxogo manterá as súas portas abertas ata o 23 de xullo, no Mercado Vello e nos Xardíns Municipais, de luns a domingo en horario de 10.30 a 13.30 e de 17.00 a 21.00 horas e está dirixido a todos os pequenos e pequenas que desexen desfrutar, de xeito gratuíto, deste programa de ocio e xogos infantís.

Esta fin de semana tamén teremos deportes con diferentes trofeos xa tradicionais por estas datas. De feito, dende a pasada semana estase a desenvolver o III Torneo de Pádel Festas do Carme, nas pistas da Canle IV, competición que rematará o domingo coas finais das diferentes categorías .

Namentras o sábado, dende as 16.00 horas e no Lar de Endesa terá lugar o XIV Trofeo de Xadrez Festas do Carme, e tamén durante toda esta xornada, o polideportivo municipal acollerá o II Torneo 3X3 de baloncesto Basket&Music, con encontros mixtos e de todas as idades que darán comezo ás 10.00 horas.

Xa o luns e durante toda a semana, desenvolverase a XIV edición do Torneo Federado de Tenis Festas do Carme, nas pistas deportivas da Canle IV.

11 de xullo de 2013 | 18:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.