publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Alcaldes e concelleiros lucenses reuniranse de novo o día 20 de xullo na Pastoriza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA PastorizaLocalMonforte de Lemos
A-
A+

Alcaldes e concelleiros da provincia de Lugo volverán reunirse o sábado día 20 de xullo no concello da Pastoriza, dándolle continuidade ó encontro celebrado en Monforte o pasado día 15 de xuño.

Medio cento de cargos electos pertencentes a 28 municipios lugueses asistiran á reunión convocada polo alcalde de Monforte para falar da situación que atravesan os pequenos concellos e para procurar medidas que solucionasen á súa problemática.

O encontro celebrado en Monforte foi moi dinámico, rexistrando numerosas intervencións sobre os diferentes problemas dos concellos e varias propostas na procura de solucións.

Nesta primeira xuntanza acordárase, entre outras cuestións, crear un grupo de traballo encargado de organizar o segundo encontro de alcaldes e concelleiros. Este grupo de traballo está integrado por cinco persoas de diferente sensibilidade política e con representación nas corporacións municipais.

A reunión celebrada en Monforte fora valorada como necesaria e moi positiva xa que, segundo comentaran os asistentes, “están en perigo os servizos que recibe a cidadanía”. As intervencións dos representantes dos concellos naquela reunión centráranse na reforma da administración local, na centralización de servizos sanitarios, de facenda ou xudiciais, na ausencia de reacción por parte da Fegamp, ou nos numerosos servizos impropios que presta a administración local con cargo ás arcas municipais.

Os representantes municipais consideraron a reunión celebrada en Monforte como “o inicio dun movemento importante para afrontar o continuado ataque á administración local”.

Ás once da mañá do próximo día 20 de xullo, os cargos electos da provincia de Lugo continuarán na Pastoriza o camiño iniciado en Monforte.

10 de xullo de 2013 | 13:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.