publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Adxudicadas obras e subministracións por 1,5 millóns de euros para 11 concellos da provincia pontevedresa

A Deputación de Pontevedra acordou hoxe a adxudicación de obras e subministracións por importe de 1,5 millóns de euros para 11 concellos da provincia.

As obras adxudicadas, incluídas no Plan de Investimentos da Deputación, céntranse fundamentalmente no acondicionamento de núcleos e vías rurais, na mellora de estradas e na dotación de saneamento.

Mellora de núcleos rurais

Dos 12 proxectos adxudicados hoxe, 4 refírense a traballos de acondicionamento de núcleos ou viais rurais, entre os que figura o proxecto de mellora de núcleos rurais do Concello de Campo Lameiro, no que se investirán un total de 133.164,23 euros e que foi adxudicado á empresa EC Casas; tamén o ensanche e mellora da capa de rodaxe en camiños de San Vicente, Ventín e Fornelos, no municipio de Fornelos de Montes, que foi adxudicada á empresa Caldevergazo por un importe de 58.251,82 euros.

Na mesma categoría inclúese a pavimentación do camiño municipal de San Mamede, na parroquia de Quintela, en Redondela, adxudicada á empresa Pérez Portela en 104.949 euros; e a pavimentación e a dotación de iluminación pública nos camiños rurais de Solda e San Mauro, en Meaño, por un importe de 121.141,53 euros e adxudicadas á empresa Narom.

Así mesmo, no concello de Valga foron adxudicados os traballos de dotación de saneamento para os núcleos rurais de Cernadas e de Casal de Eirigo, por un importe de 203.678,00 euros, que serán executados pola empresa COVSA.

Caldas e Cuntis

A Xunta de Goberno aprobou tamén a adxudicación a Elsamex do proxecto de construción dunha pista de tenis e de piscinas na Tafona, en Caldas de Reis, traballos nos que se investirán 163.455,50 euros.

No concello de Cuntis a empresa Narom será a responsable da construción de 144 nichos no cemiterio municipal, tras resultar adxudicataria dos traballos por un importe de 163.382,70 euros.

Mellora de estradas

En Tui e Baiona tamén se realizarán traballos de acondicionamento dalgunhas das súas estradas. Así, en Tui procederase á renovación da pavimentación do acceso á autovía A-55 en Guillarei, por un importe de 57.683,51 euros, que será executada pola empresa COVSA.

Pola súa banda, en Baiona foi Construcciones Crespo a empresa adxudicataria dos traballos de acondicionamento da avenida José Pereira Troncoso, por un importe de 236.670,74 euros.

Maquinaria en Vilagarcía e Arbo

A estes traballos hai que engadir a adxudicación da subministración de diversa maquinaria para os concellos de Arbo e de Vilagarcía de Arousa, por un importe total de 177.860 euros.

Coa adquisición desta maquinaria o organismo provincial pretende dotar os concellos de medios materiais axeitados para que poidan prestar servizos fundamentais, como son os de mantemento e conservación de espazos e infraestruturas públicas así como pequenas obras de acondicionamento ou construción.

No concello de Arbo adxudicóuselle a Automoción La Junquera a subministración dun camión guindastre con basculante por valor de 67.629 euros, mentres que en Vilagarcía de Arousa adxudicóuselle á empresa José Ramón Lois Simans a adquisición dun tractor  agrícola, unha rozadoira de cadeas e outra de brazo hidráulico, por valor de 110.231 euros.

Baixa media dun 14%

Estas obras estánlle permitindo manter o nivel de traballo a numerosas empresas da provincia xa que, tal e como indicou o presidente da Deputación, estanse a adxudicar todas e cada unha delas por concurso público e nas próximas semanas seguiranse adxudicando novos traballos.

No caso das obras e subministracións adxudicadas hoxe, as empresas presentaron ofertas con baixas que oscilaron entre o 10% e o 18% sobre o orzamento de licitación.

19 de xullo de 2013 | 16:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.