publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A provincia de Ourense será a protagonista do cupón da ONCE no Día de Galicia o 25 de xullo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLazaLocalManzanedaOurensePortada esquerdaProvinciasVerínViana do BoloXinzo de Limia
A-
A+
Cupón cos 5 grandes entroidos

Cupón cos 5 grandes entroidos

A provincia de Ourense é a protagonista do cupón da ONCE que se premia no Día de Galicia, o vindeiro 25 de xullo, ao representar neste documento da organización social aos cinco entroidos máis importantes da provincia de Ourense: Laza, Manzaneda, Verín, Viana do Bolo e Xinzo de Limia, declarados de “Interese Turístico”.

O acto de presentación deste singular cupón tivo lugar esta mañá na Coruña e contou coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, e do delegado territorial en Galicia da Organización Nacional de Cegos, Manuel Martínez Pan, así como do alcalde de Lugo, José López Orozco, e de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, cuxas cidade tamén contarán cun cupón alusivo nos vindeiros días.

Manuel Baltar agradeceu, en nome dos 92 concellos da provincia de Ourense e do Inorde, “a deferencia e sensibilidade da ONCE por contar coa nosa provincia e permitir que, a través dunha canle tan importante de comunicación como é o cupón da ONCE, se poida promocionar un dos eventos máis senlleiros como é o entroido, unha marca de identidade da provincia de Ourense”.

Baltar felicitou á ONCE polo 75 aniversario da súa creación e subliñou que é unha das organizacións máis valoradas pola cidadanía, “proba do ímprobo labor que fai a prol da integración das persoas”.

As imaxes que representa o cupón refírense aos cinco entroidos máis importantes da provincia de Ourense, destacando as personaxes máis características de cada lugar: de Laza, o Peliqueiro; de Manzaneda, a Mázcara; de Verín, o Cigarrón; de Viana do Bolo, o Boteiro, e de Xinzo de Limia, a Pantalla.

22 de xullo de 2013 | 19:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.