A primeira visita nocturna aos Petróglifos de Teo contou con oitenta participantes
Un total de oitenta persoas participarán por primeira vez nunha ruta nocturna para visitar petróglifos no Concello de Teo. Será este sábado 28 de xullo e dende a Concellaría de Cultura, que organiza esta actividade en colaboración co colectivo A Rula, valoran moi positivamente a boa acollida e o interese amosado. De feito hai máis demanda ca prazas e valórase realizar outra visita nocturna ós petróflifos máis adiante, cunha data aínda por confirmar.
Nesta primeira ruta os participantes visitarán as estacións de petróglifos de Mouromorto, Cornide e Regoufe nas parroquias de Calo e Luou. E visítanse de noite por unha sinxela razón, estes gravados en pedra aprécianse mellor na escuridade utilizando luz artificial. A proxección de luz artificial, por exemplo dunha lanterna, xera uns efectos de luces e sombras, que permiten realzar os sucos das figuras e ensalzar toda a súa beleza.
Dende a organización lembran a importancia de ir vestidos e calzados adecuadamente para a ruta. Trátase dun paseo nocturno pola noite de ó redor de seis quilómetros, polo que fai falla ir protexidos con calzado e roupa cómoda. É unha ruta dunha dificultade media. Tamén se recomenda levar unha lanterna.
O lugar de encontro é Casa Carril en Cornide o sábado ás 21:00 horas. A continuación farase unha pequena explicación do que se vai poder ver durante a andaina para de seguido facer a ruta. Está previsto que a ruta dure ó redor de 3 a 4 horas.
Esta actividade de posta en valor do patrimonio natural e arqueolóxico está coordinado polo Concello de Teo e o Colectivo a Rula.
O cartel anunciador desta ruta está realizado por Víctor Santos e utiliza unha foto do arquiveiro municipal Pablo Sanmartín da estación I de Río Angueira en Cornide e un calco do arqueólogo Antonio de la Peña.