publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Festa do Pan de Cea repartirá 3.200 quilos de pan converténdose no único evento en Galicia de exaltación deste alimento

Presentación da 22ª Festa do Pan de Cea

Presentación da 22ª Festa do Pan de Cea

A Festa do Pan de Cea, a cita gastronómica máis importante no eido do pan das que se celebran en Galicia, prevé repartir o vindeiro 7 de xullo máis de 3.000 quilos deste alimento, para o cal, os panadeiros de Cea cocerán o vindeiro domingo unhas 2.500 pezas de pan.

Hoxe tivo lugar no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense a presentación da 22ª edición da Festa do Pan de Cea, declarada de interese turístico, coa presenza do presidente provincial, Manuel Baltar; o alcalde de Cea, José Luis Valladares, e o presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica protexida “Pan de Cea”, Carlos Manuel Rodríguez.

Manuel Baltar, quen durante a súa etapa de delegado de Agricultura en Ourense, puxera en marcha en 1999 a IXP Pan de Cea, dixo que a Festa do Pan de Cea “é coñecida en moitos países do mundo, pero iso é froito do sacrificio e do bo facer do colectivo de panadeiros que día a día fan posible ese manxar”.

Baltar destacou que un ano máis “a Deputación de Ourense está ao carón dunha celebración que promociona sinaladamente a nosa gastronomía e a nosa cultura e historia”, subliñando que o pan de Cea data de referencias do século XIII.

José Luis Valladares e Carlos Manuel Rodríguez lembraron precisamente que máis do 70% da produción do pan de Cea envíase fóra de Galicia: a Cataluña, País Vasco, Cantabria, Madrid, Valencia, Baleares e mesmo diferentes países de Europa. Desde 1992 que comezou esta festa, neste edición acádase o número 22, “o que a converteu na festa gastronómica referente de Galicia”, explicou Valladares.

Tanto o Concello de Cea como a asociación de panadeiros viron na Festa unha oportunidade única para a “exaltación” dun produto único, que anos despois obtería, de xeito case simultáneo, un distintivo de calidade a nivel nacional e europeo.

Foi precisamente no ano 2004 cando o Pan de Cea consegue ser o primeiro con Indicación Xeográfica Protexida en todo Europa, e dada esa circunstancia constitúese o Consello Regulador da IXP Pan de Cea.

Para este ano, o Consello Regulador, os fornos inscritos no mesmo e o concello fan un importante esforzo para manter e, se cabe, elevar o nivel de calidade da festa, apostando polas televisivas “Cantareiras de Ardebullo” como pregoeiras e cunha variedade importante nos expositores e colaboradores onde os locais monxes do mosteiro, como exemplo, estarán entre os expositores ofertando os seus tradicionais produtos, así como outros que ofertarán unha gran variedade de artigos, todos eles con calidade contrastada.

Degustacións de balde de chourizos ao viño, musica de charangas e baile con orquestra completaran unha edición que se agarda cumpra o obxectivo desta festa: exaltar o Pan de Cea.

3 de xullo de 2013 | 16:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.