publicidade hoxe

Fiadeira e a Deputación de Lugo organizan a II Foliada de Seoane en Antas de Ulla

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAntas de UllaCalendarioLocalLocal Portada
A-
A+

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, e a vicepresidenta da Asociación Fiadeira de Antas de Ulla, Patricia Coucheiro, presentaron este mércores nos xardíns do Pazo de San Marcos a II Foliada de Seoane, que acollerá dita localidade da Ulloa o vindeiro domingo, 7 de xullo. García Porto salientou que a institución provincial e o colectivo Fiadeira “sumamos esforzos un ano máis para facer posible a celebración desta cita, que combina tradición, música e teatro, pero co que tamén dinamizamos a nosa economía, pois en vilas pequenas coma Antas na que non hai demasiados eventos, todo o que sexa atraer público é moi positivo a actividade económica da localidade”.

Pola súa banda, Patricia Coucheiro subliñou que a programación da xornada deste ano é froito “da combinación de dúas liñas de traballo que seguimos dende a organización. Por un lado, achegar a xornada ás 30 familias que forman parte da asociación Fiadeira, que sentisen máis seu este evento pasando unha xornada todos xuntos, e, por outro, achegarnos máis ó concepto de foliada tradicional, volver ás raíces da xuntanza entre amigos e música improvisada”.

A II Foliada de Seoane, que conta coa colaboración da Deputación, do grupo de teatro de Antas de Ulla e do Concello, arrancará ás 11:00 horas coa saída dos carros, que irán polos núcleos rurais de Antas de Ulla ó ritmo da música de gaiteiros, para recoller ós veciños que desexen sumarse á iniciativa. Ó rematar a xornada, levarannos de volta ós seus domicilios. Os interesados terán que avisar, previamente, chamando a 655-345-101 ou 608-047-001.

Ás 12:30 horas, todos os participantes se xuntarán na Praza do Concello, onde se fará a lectura do pregón, para logo iniciar xuntos o percorrido cara a Carballeira de Sendelle, amenizado por un roteiro teatral a cargo do grupo de teatro da Biblioteca de Antas de Ulla.

Será na carballeira onde teña lugar o xantar campestre a partires das 14:30 horas. A asociación Fiadeira ofrecerá un menú composto por entrantes, empanada, lacón, doces e café, a 5 euros para socios do colectivo e a 8 euros para os demais. Os tiques xa están á venda nos establecementos (restaurante, bares ou comercios) da localidade de Antas de Ulla. Tamén se pode levar menú propio.

Ás 16:00 horas comezará a propia foliada, coas actuación dos grupos participantes: Os de Merlán (Palas de Rei); Varacuncas (Rodeiro-Pontevedra), Bico de Balouta (Agolada-Pontevedra), Herba Grileira (Melide-A Coruña) e Os Rapaces do Millo (Monterroso). Actuará, ademais, o grupo de baile tradicional de Fiadeira.

3 de xullo de 2013 | 16:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.