publicidade hoxe

Unha delegación do colexio de enxeñeiros industriais de Galicia coñece o complexo medioambiental de Sogama

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCercedaLocal
A-
A+
Visita dos enxeñeiros a Sogama

Visita dos enxeñeiros a Sogama

Un grupo de colexiados da delegación da Coruña do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia desprazouse esta fin de semana ao Complexo Medioambiental de Sogama (Cerceda) a fin de coñecer por dentro e a pé de obra a súa actividade industrial. Para isto tiveron a oportunidade de realizar un percorrido guiado polas distintas plantas que conforman a súa infraestrutura central.

Este grupo, encabezado polo delegado na Coruña do Colexio, César Themudo, estivo en todo momento acompañado por persoal técnico que lles explicaron de forma detallada os pormenores loxísticos e tecnolóxicos que interveñen no tratamento dos residuos. Un proceso no que se busca a máxima reciclaxe e o aproveitamento da fracción resto en forma de enerxía eléctrica, tomando como referente os países europeos máis avanzados.

Neste sentido, tamén se lles trasladou aos enxeñeiros industriais que a empresa conta, entre outros dispositivos, con potentes sistemas de depuración de gases cos que garante unha xestión industrial respectuosa co medio ambiente e a saúde pública, posibilitando que os niveis de emisión á atmosfera estean moi por baixo dos límites legais, moito máis esixentes e restritivos que os que regulan as operacións doutras plantas industriais.

Dado o perfil técnico dos visitantes, dende Sogama insistiuse en todos os aspectos vinculados á área industrial. Ao fin e ao cabo, o seu modelo colócase á vangarda da Unión Europea, constituíndo unha das plantas máis modernas e plenamente adaptada ás esixencias comunitarias na materia, ademais de ser fonte de desenvolvemento económico e emprego, dando traballo a máis de 400 persoas,  moitas delas con formación no ámbito das Enxeñerías..

Pero Sogama é máis que unha infraestrutura industrial, asumindo un importante labor no ámbito da educación ambiental e a concienciación e sensibilización da cidadanía na correcta xestión dos residuos urbanos, e tamén en proxectos de compostaxe doméstica desenvolvidos en concellos de distintos puntos de Galicia, en iniciativas de I+D+i e, en xeral, en proxectos de colaboración con outras entidades, tanto públicas como privadas, vinculadas á preservación do contorno natural e mellora da calidade de vida da poboación.

3 de xuño de 2013 | 13:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.