publicidade hoxe

Os concellos de As Pontes e A Capela solicitarán conxuntamente un obradoiro de emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CapelaAs PontesLocal
A-
A+

O Concello de As Pontes, mediante o departamento de Emprego, Turismo e Novos Proxectos, ven de solicitar un novo obradoiro de emprego que, baixo a denominación de Obradoiro Eume compartiría co concello de A Capela, cumprindo así unha das premisas esixidas, que é a de que este tipo oferta se dea conxuntamente para máis dun municipio.

As especialidades a impartir serían tres, que son, atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, outro de agricultura ecolóxica, e por último un de repoboacións forestais e tratamentos silvícolas.

O obradoiro acollería a 60 persoas, divididas en 20 por cada un dos cursos, que contarían cun compromiso de contartación para a formación de 6 meses.

A oferta abrangue a maiores de 18 anos inscritos como demandantes de emprego e, prioritariamente, que pertenzan a colectivos con especiais dificultades de inserción no mercado de traballo. Todos contarían cun contrato para a formación e percibirán o salario mínimo interprofesional.

Os alumnos que finalicen con éxito o Obradoiro de Emprego, obterán o certificado de profesionalidade correspondente da súa especialidade. Para elo, recibirán a formación precisa non só da especialidade, senón para obter o Certificado da ESO, para aqueles alumnos que non o posúan, así como a formación complementaria esixida pola normativa aplicada ao efecto.

Con esta iniciativa, o Departamento que dirixe Ana Pena, persegue mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego a través da súa cualificación profesional en alternancia coa adquisición de experiencia laboral mediante a realización de obras ou servizos de utilidade pública ou interese social.

Incidirase especialmente na integración social e inserción profesional de homes e mulleres á finalización do proxecto, proporcionándolles formación práctica e experiencia en traballos reais que lles permita unha saída como asalariados ou traballadores por conta propia en calquera dos ámbitos das ocupacións aprendidas.

Deste xeito acadaríase a formación de especialistas en profesións demandadas polos mercados de traballo, coa recuperación, por parte dos alumnos, dos niveis de educación xeral que abandonasen.

Tamén se potenciará achegar a información sobre o mercado de traballo e as estratexias de busca de emprego por conta allea e mellora da capacidade de xestión e a cultura empresarial dos desempregados para a creación do seu propio posto de traballo.

Canto á poboación en xeral, o desenvolvemento deste obradoiro incidiría na dinamización social do entorno, a través da participación en programas integrados de desenvolvemento comarcal que permitan optimizar os recursos utilizados.

Por último, búscase igualmente mellorar a formación de cara a diversificación para favorecer a incorporación laboral independentemente da idade do alumnado.

A concesión do obradoiro solicitado suporía tamén a contratación de outros oito traballadores como persoal para o seu desenvolvemento, e que serían, un director a xornada completa, a mesma adicación que cinco docentes e un administrativo. A media xornada estaría outra persoa como persoal de apoio.

20 de xuño de 2013 | 17:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.