publicidade hoxe

O Concello de As Pontes destina 20.000 euros ás axudas para a escolarización

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs PontesLocal
A-
A+

O Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Servizos Sociais e Atención Cidadá, abrirá mañá o prazo para solicitar as axudas ás familias para atender os gastos orixinados polo inicio do curso escolar en materia de libros ou material escolar para os cursos non contemplados no programa autonómico de gratuidade 2013-2014.

O executivo local destinará 20.000 euros a estas axudas en partidas que poderán alcanzar un máximo de 150 euros, segundo o curso e as condicións familiares do solicitante, xa que estas achegas beneficiarán a estudantes de Educación Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Medio ou Superior.

O goberno municipal incrementa así notablemente o orzamento dirixido a este fin con respecto ao exercizo pasado cando se destinaron 12.000 euros, incremento que pon de manifesto o gran compromiso do executivo local co ensino nuns tempos economicamente complicados coma os que se están a vivir.

Para solicitar estas axudas é preciso estar empadroado en As Pontes, que os ingresos anuais da unidade familiar non excedan os 380 euros mensuais de renda per cápita – cifra que tamén se vía incrementada con respecto ao 2012 cando a renda per cápita ascendía aos 350 euros – e ter presentado a solicitude de reserva de matrícula no centro escolar ou nun centro sostido con fondos públicos ao que se sumará unha valoración da situación familiar que se desenvolverá dende o departamento de Servizos Sociais.

Unha vez concedida a axuda, o seu pagamento realizarase por medio dun vale canxeable polo importe concedido nas distintas librarías de As Pontes ata o 15 de setembro como data límite.

Para beneficiarse destas axudas é preciso cubrir a pertinente solicitude no departamento de servizos sociais ou no rexistro xeral do concello adxuntando a documentación que se incluirá neste documento, facendo entrega da mesma no rexistro xeral do concello denantes do 19 de xullo. Asemade, aqueles alumnos que realicen a matrícula en setembro para cursar Bacharelato ou ciclos formativos terán de prazo do 9 ao 13 de setembro para presentar a pertinente documentación.

Para obter máis información sobre estas axudas poden consultar o Boletín Oficial da Provincia de hoxe, achegarse ata o departamento de Servizos Sociais, ubicado no segundo andar da Casa Dopeso, ou ben acceder á páxina web municipal no enderezo www.aspontes.com.

17 de xuño de 2013 | 19:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.