publicidade hoxe

Deputación e Concello impulsan a maior festa de produtos autóctonos de Ribas de Sil, coa cereixa o aceite como protagonistas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLugoProvinciasRibas de Sil
A-
A+

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, o Alcalde de Ribas de Sil, Miguel Ángel Sotuela Vega, e o produtor agrícola Miguel Rodríguez González, presentaron este martes nos xardíns de San Marcos a XI Festa da Cereixa e do Aceite, a maior festa de produtos autóctonos desta localidade do sur da provincia, coa que o organismo lugués vén colaborando dende hai anos. A cita terá lugar esta fin de semana, os días 8 e 9 de xuño, na praia fluvial de San Clodio. Este evento, que pon en valor dous dos produtos de máis calidade e representativos desta zona, recibe todos os anos a milleiros de visitantes, feito que favorece uns máis que satisfactorios niveis de venda, superando os 13.000 euros de volume de negocio. Un forte impulso para a economía do municipio, que dedica máis do 80% da súa superficie forestal en uso –unhas 500 hectáreas- a estes cultivos.

Tal e como destacou Gómez Besteiro, a Deputación aposta por impulsar eventos destinados á mellora da comercialización dos produtos autóctonos, posto que “a súa gran calidade é un dos factores que ofrece máis e mellores posibilidades de revitalización e crecemento económico, especialmente no noso rural, freando así a perda de poboación”. Este impulso é posible grazas ó Plan Estratéxico de Subvencións, liña de axudas coa que a Deputación apoia iniciativas deste tipo por toda a provincia financiando os gastos de celebración, de xeito que moitas veces se converte nun apoio fundamental para garantir a súa continuidade.

O Presidente afirmou que a Festa da Cereixa e do Aceite de Ribas de Sil é “unha festa de exaltación da nosa xeografía e de produtos de primeiro nivel”, ademais de supoñer “un reecontro, non só co sol, senón coa cereixa, co sabor e co noso medio ambiente”.

O Alcalde de Ribas de Sil destacou igualmente a “altísima calidade” da cereixa da localidade, “moi superior a de outras, como as do Bierzo”, e a boa acollida que ten entre os consumidores: “hai 15 días que produtores da zona están vendendo cereixas en Lugo e quítanllas das mans”. Sotuela indicou que Concello e produtores están a traballar para conseguir a certificación ecolóxica, tanto para as cereixas, como o aceite cultivados na localidade, lembrando así mesmo que a entidade local segue a facer xestións para acadar o recoñecemento da cita como Festa de Interese Turístico de Galicia.

O rexedor quixo poñer de relevo, non só a importancia que o evento ten para a economía provincial, senón o feito de que esta celebración, que só se deixou de celebrar un ano pola falta de produción debido ó mal tempo, teña un escenario coma a praia fluvial de San Clodio, “un enclave turístico de primeiro nivel na zona sur da provincia, pequena mostra da natureza privilexiada da que gozamos neste Concello”.

Pola súa banda, o produtor Miguel Rodríguez, ademais de insistir en que os consumidores “valoran moito a calidade da cereixa e do aceite de Ribas de Sil”, subliñou que a festa local que exalta estes produtos “está consolidada grazas ó apoio da Deputación”.

50 toneladas cada tempada

A cereixa e o aceite do Concello de Ribas de Sil son dous produtos de recoñecida calidade e sabor, elementos que se ven favorecidos pola climatoloxía favorable da zona, que tamén inflúe para conseguir unhas colleitas que rondan as 50 toneladas cada tempada. Grazas ás súas cualidades excepcionais, tanto a cereixa como o aceite están amparados polo rexistro de marcas e patentes, como paso previo e imprescindible a acadar a denominación de orixe.

Os prezos

O recinto feiral conta con máis de 20 stands habilitados polo Concello, nos que se porán á venda unhas 2 toneladas de cereixa e 250 litros de aceite. En canto ós prezos, estes rondarán os 3 ou 4 euros no caso da cereixa, e os 6 e 15 euros, no caso das botellas de cuarto e tres cuartos de litro de aceite, respectivamente.

Ademais dos produtos estrela, os asistentes terán unha ampla oferta, que inclúe viño elaborado na comarca, mel, licores, castañas e derivados, doces, queixos ou figos secos, típicos da zona.

A cita comezará oficialmente o sábado ás 21:00 horas coa lectura do pregón, aínda que a celebración xa arrancará pola mañá coas degustacións de cereixas e actuacións musicais. Os actos completaranse con pasarrúas, concentración de vehículos clásicos, un festival folclórico e actividades para nenos, que continuarán durante a xornada do domingo.

4 de xuño de 2013 | 18:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.