publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Arrinca en Ribas de Sil a XI Festa da Cereixa e do Aceite

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAxenda e CulturaGaliciaLocalLugoProvinciasRibas de Sil
A-
A+

O Concello de Ribas de Sil acolle esta fin de semana a Festa da Cereixa e do Aceite, que chega á súa undécima edición nun ano marcado por unha colleita abundante e de calidade. Este evento supón un importante impulso económico para o municipio, xa que vén acadando ano tras ano un volume de negocio que supera os 13.000 euros.

A festa foi presentada o pasado martes nos xardíns do Pazo de San Marcos, nun acto que contou coa presenza do Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro; o Alcalde de Ribas de Sil, Miguel Ángel Sotuela, e Miguel Rodríguez, produtor local. Todos eles destacaron a trascedencia do evento para a economía do Concello e a importancia que ten o feito de que dende as institucións se colabore con este tipo de iniciativas, xa que supoñen un revulsivo para a comercialización dos produtos autóctonos de calidade. Gómez Besteiro subliñou que a aposta do goberno provincial por este e outros eventos de exaltación dos produtos autóctonos de calidade é clara, posto que estes supoñen “máis e mellores posibilidades de revitalización e crecemento económico, especialmente no noso rural, freando así a perda de poboación”. De feito, Miguel Rodríguez insistiu en que esta celebración “está consolidada grazas ó apoio da Deputación”.

Pola súa banda, Sotuela lembrou que xa están en marcha os traballos en prol da certificación ecolóxica para ambos produtos, así coma os encamiñados a acadar o recoñecemento desta cita como Festa de Interese Turístico de Galicia.

Produtos de calidade

Nos máis de 20 stands instalados no recinto feiral, poranse á venda arredor de 2 toneladas de cereixa, a prezos de entre 3 e 4 euros, e uns 250 litros de aceite, que se poderán mercar en botellas de cuarto ou tres cuartos de litro, oscilando o seu prezo entre os 6 e os 15 euros. Ademais destes, os visitantes poderán mercar outros produtos locais, coma mel, licores, castañas e derivados, doces, queixos ou os tamén típicos figos secos.

A cita arrinca o sábado ás 21:00 horas coa lectura do pregón, aínda que a celebración xa arrancará pola mañá coas degustacións de cereixas e actuacións musicais. Os actos completaranse con pasarrúas, concentración de vehículos clásicos, un festival folclórico e actividades para nenos, que continuarán durante a xornada do domingo.

7 de xuño de 2013 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.