publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta destina 20.000 euros ao Concello de Manzaneda para o acondicionamento dun camiño no núcleo de Requeixo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocalManzaneda
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas destinará 20.000 euros para o acondicionamento dun camiño no núcleo de Requeixo, no Concello de Manzaneda. Así o trasladou o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, nunha reunión que mantivo co alcalde de Manzaneda, David Rodríguez Estévez.

Neste caso concreto, a axuda solicitada permitirá arranxar e restaurar este camiño, ao tempo que se conserva e salvagarda o entorno natural.

O departamento dirixido por Agustín Hernández pretende coa concesión de esta axuda non só a recuperación do medio natural senón tamén o fomento da protección dos espazos galegos e a concienciación pola defensa e conservación da natureza e dos seus elementos.

Esta axuda atópase dentro do orzamento de máis de 2 millóns que a Xunta de Galicia destinará a 121 concellos incluídos na Rede Natura.

As partidas que concede o Goberno autonómico aos distintos concellos investiranse en tarefas de mellora da paisaxe, -entre as que se atopa a recuperación do camiño de Manzaneda -, en manter as condicións ambientais e favorecer a recuperación de especies en zonas de Rede Natura 2000; e en recuperar ou restaurar elementos históricos patrimoniais, como hórreos, milladoiros, fontes cabanas ou valos.

A Rede Natura é, ademais dun instrumento de conservación do medio natural, un referente de sustentabilidade que brinda a oportunidade de aproveitar as vantaxes económicas e sociais que unha xestión adecuada dos espazos naturais pode reportar, ao potenciar aquelas actividades que, sendo compatibles coa conservación da natureza, contribúen  á mellora da calidade de vida e ao desenvolvemento do territorio galego.

O conselleiro de Medio Ambiente destacou o esforzo que realiza a Administración autonómica para a conservación e recuperación do concello de Manzaneda, xa que ten concedido unha axuda de máis de 70.000 euros para a redacción do Plan especial de protección do casco histórico.

29 de xuño de 2013 | 14:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.