publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta achega ao concello de Laxe 16.000 euros para melloras na lagoa e a praia de Traba

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLaxeLocal
A-
A+

O Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, confirmou ao voceiro do Partido Popular no municipio de Laxe, Ambrosio Oróns Baña, que a Xunta de Galicia fará unha achega de case 16.000 euros a este Concello coruñés para actuacións en Rede Natura.

O responsable de Medio Ambiente remarca que, a pesares do momento económico que estamos a vivir, o Executivo autonómico segue a cumprir co seu compromiso de coidar a nosa contorna, a nosa paisaxe, porque non só contribúe a preservar a nosa identidade, senón que tamén supón un importante atractivo económico e turístico.

Os camiños sobre os que se pretende actuar son vías de concentración parcelaria, transitados polos veciños da zona que van as súas fincas. Durante gran parte do ano, sobre todo, en outono e inverno presentan serias dificultades de tránsito, pois ao pasar con tractores e vehículos pesados, provoca que o firme se vai desfacendo e aparecen buratos e fochancas.

Traballos a realizar

O obxecto desta actuación consiste na mellora de catro treitos de camiños municipais cunha lonxitude total estimada de case 2,5 quilómetros que discorren enteiramente pola Rede Natura 2000 e tenden a anegarse con facilidade en época de choivas, o que provoca que sexan impracticables durante gran parte do ano.

Os traballos consisten na mellora da explanación existente mediante o bacheado e afirmado do pavimento, sen producir alteración, nin modificación do seu trazado nin da súa lonxitude actual. A situación nas cunetas non afectará ás árbores existentes.

As tarefas comezarán nas proximidades da Lagoa de Traba, na contorna da pasarela peonil recentemente executada por Costas do Estado e na proximidade da área recreativa da praia de Traba. O prazo de execución dos traballo estímase en 6 semanas.

As axudas irán destinadas, tamén, a tarefas de mellora da paisaxe, como a limpeza, restauración e sinalización de camiños e espazos recreativos; a manter as condicións ambientais e a favorecer a recuperación de especies en zonas de Rede Natura 2000; e a recuperar ou restaurar elementos históricos patrimoniais como hórreos, milladoiros, fontes, cabanas ou valos.

Intervencións na Costa da Morte

Este concello inclúese con outros da Costa da Morte: A Laracha, Camariñas, Dumbría, Fisterra e Muxía, que en total suman 4.443 hectáreas en Rede Natura.

Con as aportacións a estes municipios dáse resposta á necesidade de contribuír á biodiversidade e á preservación dos ecosistemas de alto valor natural aumentando o papel dos concellos á hora de levar a cabo este tipo de accións, na súa calidade de entidades xestoras de terras

O importe da subvención será do 100% do custe do proxecto, cun importe máximo de 20.000 euros por municipio.

No cadro seguinte detállanse as actuacións a desenvolver en cada un dos concellos:

Concello

Actuación

A Laracha

Accesos en Caión para a mellora da paisaxe agraria e usos recreativos

Camariñas

Recuperación do Foxo dos Lobos

Dumbría

Limpeza e restauración dos camiños aos Predios de San Crimenzo

Fisterra

Restauración, acondicionamento e limpeza dos camiños de acceso á praia do Rostro

Laxe

Rehabilitación e limpeza dos camiños municipais de Traba

Muxía

Restauración de camiños en Touriñán e Arnela

O departamento autonómico pretende, coa concesión destas axudas, non só a recuperación do medio natural senón tamén o fomento da protección dos espazos galegos e a concienciación pola defensa e conservación da natureza e dos seus elementos. Estas subvencións atópanse dentro do orzamento de máis de 2 millóns que a Xunta de Galicia destinará a 121 concellos incluídos na Rede Natura de toda Galicia.

A Rede Natura é, ademais dun instrumento de conservación do medio natural, un referente de sustentabilidade que brinda a oportunidade de aproveitar as vantaxes económicas e sociais que unha xestión adecuada dos espazos naturais pode reportar, ao potenciar aquelas actividades que, sendo compatibles coa conservación da natureza, contribúen  á mellora da calidade de vida e ao desenvolvemento do territorio galego.

10 de xuño de 2013 | 16:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.