publicidade hoxe

A Deputación mellora en Antas de Ulla as 11 estradas provinciais, beneficiando directamente ós 2.000 veciños da zona

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAntas de UllaLocalLugoProvincias
A-
A+

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, supervisou as melloras que o organismo provincial está a realizar nas 11 estradas da súa responsabilidade en Antas de Ulla mediante o Plan de Rebacheo. García Porto destacou que “estes traballos benefician, directamente, ós máis de 2.000 veciños dos núcleos poboacionais polos que discorren estas vías. Pero estamos a falar de estradas que a cotío rexistran miles de usuarios ó seren un dos principais nexos de unión deste Concello cos de Chantada, Palas de Rei, Taboada, Monterroso e Rodeiro (en Pontevedra) polo que o número de beneficiados destas actuacións, de xeito indirecto, é moito maior”.

As vías do organismo provincial en Antas de Ulla parte da propia capitalidade, que ten máis de 700 veciños, e discorren por 21 parroquias con, segundo datos oficiais, 1.308 habitantes. Estas son as seguintes: Cibreiro, Facha, Olveda, Peibás, Queixeiro, Reboredo, O Rial, Santa Mariña, Santiso, Vilanuñe, San Martiño de Vilapoupre, Agüela, Alvichón, Amoexa, Arbol, Arcos, Santa Cristina de Areas, Barreiro, Casa de Naia, Cervela e Cutián.

A institución despregou ó municipio 14 operarios e 10 máquinas (2 cisternas, 4 camións, 2 pisóns e 2 retroexcavodoras) para o arranxo dos 50 quilómetros que suman as 11 estradas provinciais: 0301 de Antas de Ulla a Rodeiro; 0302 de Antas de Ulla, por Santa Mariña, a Borraxeiros; 0303 de Santiso a Cruceiro; 0304 de Arcos ó Santo da Agüela; 0305 de Gradoi a Cruceiro; 0306 de Santa Mariña a Fradegas; 0307 de Outeiro, por Amoexa e cara a Santiso; 1809 de Chantada a Antas de Ulla; 3302 de Monterroso a de Chantada a Antas de Ulla; 4002 de Palas de Rei, por Ponte Merced, a Antas de Ulla; 4003 da cp 4002, por Chorexe, a Santa Mariña.

Mellorando máis de 800 quilómetros

Ademais de en Antas de Ulla, a Deputación está a actuar en Vilalba, As Nogais, Cospeito, Pol, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, Cervantes, Mondoñedo, Monterroso e Viveiro co Plan de Rebacheo. É dicir, o organismo provincial está a mellorar máis de 800 quilómetros de vías provinciais, distribuídas en 11 Concellos lugueses.

Faino logo de rematar co acondicionamento de 500 quilómetros de estradas da súa responsabilidade noutros 9 municipios: Xove, Quiroga, Burela, Cervo, A Pastoriza, A Pontenova, Castroverde e Ribas do Sil.

Sucesivamente, os 50 operarios e 32 máquinas despregadas para a execución deste Plan actuarán nos municipios lugueses que restan, arranxando a totalidade da rede viaria provincial, a máis extensa de España con máis de 4.200 quilómetros, e mellorando as comunicacións en todos os municipios. Para elo, conta cun orzamento de 5 millóns de euros.

Outras melloras executadas

Estes actuacións súmanse as levadas a cabo polo actual Goberno Provincial nos últimos anos. Por exemplos, o Executivo de Gómez Besteiro multiplicou por 10 o número de quilómetros con aglomerado en quente, e hoxe son 1.000 os que contan con este material. Por este motivo e tendo en conta que esta superficie está en boas condicións, o número final de quilómetros sobre os que se intervirá co Plan de Rebacheo é de 3.200.

Ademais de aglomerar en quente 1.000 quilómetros, o Goberno provincial acometeu dende a súa chegada á Deputación outras importantes melloras nas estradas da súa competencia, como a sinalización e balizamento das vías dos 67 Concellos lucenses. Entres outras actuacións, destacan: colocación de máis de 3.400 sinais (entre circulares, triangulares e stop), dun milleiro de paneis direccionais, para alertar da presenza de curvas perigosas, máis de 400 balizas de neve, moi necesarias en estradas de alta montaña; sinalizou mediante hitos quilométricos todas as estradas da rede provincial, coa súa denominación. En total, colocou máis de 4.000 unidades; ou instalou cerca de 13.000 metros de barreiras de seguridade e máis de 4.700 metros de proteccións de seguridade para motoristas.

2 de xuño de 2013 | 18:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.