publicidade hoxe

Xunta e Concello de Monterrei avanzan no documento do PXOM que será aprobado provisionalmente este ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaMonterrei
A-
A+

A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, mantivo hoxe unha nova reunión co alcalde de Monterrei, José Luís Conde, co fin de seguir avanzando no documento do PXOM, que será aprobado provisionalmente polo Pleno Municipal este ano e a continuación remitido á Xunta para a súa Aprobación Definitiva.

O encontro veu precedido de dúas reunións celebradas recentemente, nos meses de marzo e abril, nas que se repasou a tramitación acadada ata o momento,  presentouse a Memoria Ambiental ante a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación, e creouse un grupo de traballo técnico, formado polos técnicos das dúas administracións e o equipo redactor.

Esta mañá analizáronse os cambios incorporados no documento polo equipo redactor, tras recibir o concello a totalidade dos informes sectoriais solicitados e aceptarse parte das 406 alegacións emitidas durante período de exposición pública que tivo lugar os dous primeiros meses de 2012.

O marcado peso do sector vitivinícola no concello pola influencia da Denominación de Orixe Monterrei, tanto como actividade económica como recurso turístico, é xunto co patrimonio arquitectónico que representa a Fortaleza de Monterrei, e co patrimonio natural das beiras do río Támega, considerada zona LIC (lugar de interese comunitario), marcan os principais eixos do PXOM.

O documento proposto contempla a clasificación de 13 núcleos rurais e diferenza entre dous modelos de asentamentos rurais tradicionais, uns situados no plan alto da meseta ao borde do Río Támega cunha consolidación máis alta, como son Albarellos e Vilaza, e outros na zona do val, nos que a consolidación é mais baixa.

Situación actual

Na actualidade o Concello de Monterrei dispón de Normas Subsidiarias de Planeamento con data de aprobación de 1987. Non obstante, está en tramitación un novo PXOM, do que consta un informe previo da aprobación inicial do ano 2011 e unha aprobación inicial do mesmo ano, no que recibiu un impulso decisivo por parte da administración local.

No que se refire a subvencións, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas concedeu ao Concello de Monterrei máis de 148.400 euros en concepto de axudas para a redacción do planeamento urbanístico así como para a adaptación do PXOM á Lei 2/2010 de 25 de marzo.

2 de maio de 2013 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.