publicidade hoxe

Vilaboa celebra a súa II Mostra do Viño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalLocal PortadaVilaboa
A-
A+

A segunda edición da Mostra do Viño de Vilaboa celebrarase este fin de semana, do 24 ao 26 de maio. Durante estas tres xornadas os viños dos colleiteiros deste concello estarán á venda, e para todos aqueles que se acerquen a probar estes caldos tampouco faltará nen a comida nen a música.

Esta II Mostra do Viño de Vilaboa comezará o venres ás 19h coa apertura das casetas, sendo a súa apertura oficial coa lectura do pregón que este ano correrá ao cargo do actor e director teatral Celso Parada, coñecido por interpretar a “Freire” na serie da TVG Libro de Familia. Esta lectura do pregón será ás 19.30h.

Con esta segunda edición, desde o Concello de Vilaboa, preténdese dar continuídade á exitosa primeira edición posta en marcha o pasado ano e que durante os tres días de celebración recibiu máis de 1000 visitantes. “O ano pasado, para ser a nosa I Mostra do Viño de Vilaboa, tivo unha acollida extraordinaria, a nosa valoración, tanto por parte do concello como dos viticultores, principais protagonistas, foi moi positiva, xa que superamos todas as previsións feitas. Este ano gustaríanos igualar ou superar ese éxito, para que pouco a pouco poidamos ir afianzando esta festa que tanto traballo nos costou e costa pór en marcha”, declarou Ornela Fernández, Tenente Alcalde do Concello de Vilaboa.

Nos últimos anos, os viticultores de Vilaboa levaron a cabo un importante labor de mellora dos viños, recuperando e potenciando as castes autóctonas que no seu día tiveran unha presenza dominante. “Este traballo merece apoio, recoñecemento e difusión. Por isto, o concello de Vilaboa puxo en marcha  no ano 2012 esta mostra para colaborar cos produtores do que é o produto local que máis superficie de cultivo ocupa, 232 hectáreas. E tamén para demostrar que Vilaboa tamén é Rías Baixas, e que tanto polo clima, como polas condicións enolóxicas temos dereito á estar dentro da Denominación Rías Baixas”, engadiu Fernández Salgado.

Durante os tres días de festa, os veciños e veciñas e visitantes á mostra poderán catar diferentes viños tanto brancos como tintos dos viticultores do concello, e saborear e disfrutar co servizo de comidas existente no recinto e coa música tradicional que durante os tres días amenizará a festa. Tamén haberá diferentes postos de artesanía, tanto do concello como de xente dos arredores.

PROGRAMA DA II MOSTRA DO VIÑO DE VILABOA 13

Venres 24/05/12

Apertura das casetas de 19h a 22h

Ás 19.30h, pregón de Celso Parada (actor e director teatral do Morrazo. Interpreta a Freire na serie galega Libro de Familia)

Animación a cargo do grupo de gaitas da Asociación Cultural Cobres

Sábado 25/05/12

Pola mañá, apertura de casetas de 11h a 14h

Animación do grupo de gaitas da Asociación “A Canteira” de Paredes

Pola tarde, apertura de casetas de 19h a 22h

Animación do grupo de música tradicional “Airiños da Fracha”

Concurso de cata entre os viños participantes

Domingo 26/05/12

Apertura de casetas de 11h a 14h

Ás 13h, entrega dos diplomas aos viticultores gañadores

Animación a cargo do grupo de gaitas da Asociación Cultural Cobres

* Durante as tres xornadas da mostra haberá tamén instalados diversos postos de artesanía e servizo de comidas.

22 de maio de 2013 | 13:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.