publicidade hoxe

A Banda Municipal de Gaitas de Forcarei actuará no Festival de Lorient

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaForcareiLocal
A-
A+
Instante da presentación

Instante da presentación

A traxectoria da escola de música municipal do Concello de Forcarei, comenza gracias a iniciativa dunha Asociación Flor do Toxo que polos anos 1995, comenza a súa andaina, sendo as súas Fundadoras Ana López, Mª Dolores Rivas e Mª Dolores Iglesias.

Esta asociación inizouse como unha agrupación musical creando a actúal banda de música do Concello de Forcarei. Posteriormente no ano 2006 e da man do alcalde falecido David Raposeiras crease a Escola Municipal de música do Concello de Forcarei, e comenzan a formarse os alumnos da Banda de Gaitas , actualmente  con 38 músicos de idades comprendidas entre os dez e os dezaoito anos, e que xa posúe un forte arraigamento en Forcarei e na Terra de Montes e ten realizado numerosas actuacións por toda Galicia, en varias cidades do resto de España e mesmo en Portugal.

 Esta iniciativa provén dun motivo primordial: Forcarei é terra de gaiteiros. Así reza unha cantiga tradicional que fala da Terra de Montes.

A Terra de Montes ten

de todo coma en botica

bos canteiros, bos gaiteiros

bos cregos para dicir misa.

Isto vese reforzado pola presenza na súa historia dun gaiteiro que pasa por ser o mellor representante da música tradicional galega de todos os tempos, o célebre Gaiteiro de Soutelo, Avelino Cachafeiro, coroado de tal xeito na compostelá praza da Quintana no mes de agosto do ano 1924.

 A pegada e a influencia de Avelino deixouse sentir en toda a Terra de Montes durante todo o século XX e segue hoxe a ser unha presenza incuestionable e esencial que fai del un dos piares da cultura local e, por extensión, da cultura galaica.  

Otero Pedrayo dixo de Avelino que era o máis rexo e armoñoso carballo do bosque antigo, e Castelao non só fixo de cronista da xesta de Avelino na praza da Quintana, senón que debuxou a figura do Gaiteiro coa cara de Rosalía no fol da súa gaita, vinculando para sempre dúas figuras históricas e dous símbolos do noso país.

Falar de Avelino, e tamén do grupo familiar que el fundou, o célebre cuarteto “Os Gaiteiros de Soutelo”, é falar dunha época na que os gaiteiros eran pouco menos que os mandadeiros dos deuses, os embaixadores das musas na terra, seres venerados e admirados polas multitudes, que poxaban coma posesas para telos nas súas festas e romarías. A festa que podía contar cos Gaiteiros de Soutelo era unha celebración que tiña o éxito asegurado.

A banda de gaitas municipal de Forcarei ten como obxectivo primordial a pretensión de ser unha digna herdeira do espírito de Avelino e do cuarteto “Os Gaiteiros de Soutelo”. Varias pezas do repertorio dos Gaiteiros de Soutelo forman xa parte tamén do repertorio da banda, entre elas a célebre Muiñeira de Chantada.

Lograr acudir a un certame do fuste e da talla internacional do festival de Lorient é unha aspiración de toda formación de música tradicional que se prece e, no caso da banda de Forcarei, significa ademais unha especie de irmandamento entre o folclore do país galo e as imperecedoiras melodías do máximo referente da música tradicional galega.

Levar a Lorient esta agrupación de novos herdeiros do espírito de Avelino supón a maior tentativa de superación duns músicos novos en anos, pero xa vellos en horas de ensaio e ilusións postas no camiño que busca a experiencia e a perfección harmónica día tras día, actuación tras actuación, sempre con ese referente inmortal que ilumina a senda da tradición dun país enteiro e dun xeito de entender e de practicar a música máis nosa, a que sae do corazón.

De vivir Avelino, non cabe a menor dúbida de que se sentiría orgulloso de que os brotes máis novos da árbore que el plantou estén presentes nun dos templos da música tradicional, onde os deuses do panteón folclórico outorgan a súa graza e os mortais que alí se congregan bendicen tamén as maneiras gozosas da melodía que os fai danzar e apreciar a calidade das notas que no aire deixan a súa máxica pegada.

A embaixada da terra do gaiteiro está, xa que logo, presta para chegar a terra gala e tratar de engaiolar a todos cos sons que herdou de Avelino Cachafeiro. E porá todo o seu empeño e a súa preparación en saír triunfante nesa empresa artística que para todos é un reto do máximo nivel.

Todo isto non sería posible sin os profesores que levan a batuta e que  son os verdadeiros artífices de que esta Banda de Gaitas teña acadado o prestixio que hoxe en día ten, gracias Toño e Manolo Vidueiros e Manolo Otero.

Gracias tamén o traballo realizado pola asociación Flor do Toxo que hoxe preside Mª Victoria Marquez. Gracias Viki pola túa dedicación, esforzó e colaboración.

3 de maio de 2013 | 13:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.