publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Voluntariado Dixital da Xunta e Santa Comba promoven unha web coa historia do municipio desde 1900

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocalSanta Comba
A-
A+

“Santa Comba na Memoria” é unha web para o recordo e un repaso a historia do século XX do municipio xalleiro, que desde hoxe está accesible na dirección http://www.santacombanamemoria.es. Esta iniciativa foi posible grazas ao traballo dun voluntario do Programa de Voluntariado dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, en estreita colaboración co concello e coa imprescindible achega dos veciños e as empresas do municipio.

A través de máis de 5.000 fotografías “Santa Comba na Memoria” abre unha fiestra ao pasado do concello desde o ano 1900. Tras o traballo de escaneado, o voluntario do Programa foi o encargado de etiquetar e engadir comentarios aos milleiros de documentos gráficos que achegaron 400 veciños e empresas do municipio.

O resultado, unha páxina web que nace co obxectivo de manterse viva nutríndose coas achegas dos xalleiros e grazas a José Luis Varela Martínez, administrador de redes e sistemas informáticos e voluntario dixital do Programa da Xunta que transformou un vello proxecto do Concello en realidade.

Os visitantes de “Santa Comba na memoria” atoparán a traxectoria do municipio ao longo do século XX clasificada por temas. A historia de Santa Comba coas lendas, os comezos da banca e o patrimonio artístico compoñen un dos principais apartados da web. A mina de Varilongo, que converteu ao concello nunha das principais zonas mineiras de Wolframio desde a II Guerra Mundial ata mediados dos anos 60 ten o seu propio espazo, así como os edificios, os vehículos, as rúas e os personaxes emblemáticos do concello ao longo do pasado século. A estes apartados súmanse outros que aglutinan as fotografías agrupadas por temas: música, educación, emigración, vida social e relixión. O contido complétase con espazos dedicados á flora, fauna e micoloxía de Santa Comba.

Tras un traballo de cinco meses, a web reúne nun mesmo espazo os retallos de historia gardados en papel durante un século nos fogares de Santa Comba.

Programa de Voluntariado Dixital

Esta iniciativa enmárcase nos apoios que están a proporcionar os voluntarios do Programa de Voluntariado Dixital da Xunta de Galicia. Esta iniciativa, impulsada pola Amtega e a Consellería de Traballo e Benestar o ano pasado, busca incorporar as novas tecnoloxías á vida cotiá  dos galegos, facendo especial fincapé nos colectivos de persoas  maiores e de persoas con discapacidade.

No seu primeiro ano de andaina o  Programa Voluntariado Dixital conseguiu a adhesión de 41 entidades de acción voluntaria, 14 organismos colaboradores e 23 empresas do sector tecnolóxico.

A este apoio de entidades colaboradoras e mecenas dixitais hai que sumar a dos máis de 220 voluntarios que se adheriron á iniciativa e que poñen á disposición das entidades de acción voluntaria o seu tempo e os seus coñecementos naqueles proxectos relacionados coas TIC que se vaian lanzando no marco deste programa. Os únicos requisitos que deben cumprir son ser maior de idade e ter un coñecemento tecnolóxico de usuario medio.

A iniciativa suma así a solidariedade individual, a responsabilidade social das empresas do ámbito tecnolóxico, a colaboración das asociacións sen ánimo de lucro e o aproveitamento das infraestruturas públicas para incrementar as accións de alfabetización dixital.

6 de maio de 2013 | 11:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.