publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O investimento da Xunta no concello ourensán de Riós permite a mellora competitiva do seu comercio de proximidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocalRiós
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, resaltou hoxe, durante unha visita ao concello de Riós, a importancia de promover actuacións que fagan o comercio de proximidade máis atractivo e competitivo, a través da adecuación e modernización das rúas e zonas comerciais ou a potenciación das prazas de abastos. Neste contexto, o delegado territorial salientou que está aberta unha nova convocatoria do programa de axudas aos concellos galegos, promovido pola Dirección Xeral de Comercio, que conta con 4,5 millóns de euros, o que supón un incremento dun 10% no seu orzamento anual con respecto á anterior convocatoria, que tiña carácter bianual.

Ao abeiro da anterior convocatoria foron 30 os concellos da provincia ourensá que resultaron beneficiados por estas axudas que supuxeron un investimento de preto de 2 millóns de euros da Consellería de Economía e Industria, a través da Dirección xeral de Comercio.

Así, Martínez apuntou que, nos últimos dous anos, o Goberno Galego leva investidos en Riós preto de 75 mil euros a través deste programa de axudas aos concellos galegos para a adecuación e modernización de equipamentos comerciais, co obxectivo de revitalizar o seu comercio local e mellorar a imaxe da zona comercial da localidade.

O concello de Riós destinou a achega á renovación e revitalización do comercio local existente nas inmediacións da estrada N-525, no lugar de San Cristovo. Así construíronse beirarrúas para dotar de maior seguridade aos clientes desta zona comercial e executáronse outras actuacións para a mellora global do entorno comercial dos establecementos alí emprazados.

Rogelio Martínez indicou que o comercio é un motor da actividade local, ao xerar emprego e dotar de seguridade aos nosos núcleos urbanos ao tempo que outorga dinamismo e atractivo turístico aos concellos. Así subliñou que “as actuacións desenvolvidas polos concellos no ámbito comercial resultan imprencindibles pola súa cercanía ao comerciante e polo seu coñecemento directo do comercio local”. Por iso, tal e como destacou o delegado territorial, como novidade na convocatoria deste anos apóiase a posta en marcha de actuacións de dinamización e promoción de vendas por parte dos concellos. Ademais, prímanse os proxectos de xestión compartida, aumentando nun 15% a porcentaxe subvencionable no caso das solicitudes presentadas conxuntamente por varios concellos.

Este programa enmárcase na estratexia da Xunta de impulso ao comercio como elemento vertebrador das vilas e cidades galegas e sector de relevancia para a reactivación económica.

Prazas de abastos

Rogelio Martínez recordou que un dos eixos desta estratexia é a aposta pola potenciación das prazas de abastos, de titularidade municipal, como motores do comercio de proximidade. Neste sentido, as axudas de maior contía son as destinadas ás actuacións nas estruturas físicas dos mercados. Así, os concellos de ata 40.000 habitantes poderán acceder a axudas de ata 120.000 euros que supoñen o 75% do investimento para actuacións entre as que se inclúen a súa remodelación e modernización, a supresión de barreiras arquitectónicas, a mellora da imaxe comercial ou a mellora do consumo de recursos enerxéticos e redución de residuos. Así mesmo, poderán recibir apoios de ata 4.000 euros e o 80% do investimento para actuacións de atracción de novos consumidores e promoción das vendas nos mercados, no marco dun proxecto de incentivación ao consumo no que participen de xeito directo os praceiros e as súas asociacións.

Para actuacións de creación ou mellora de rúas e zonas peonís comerciais, os concellos de ata 75.000 habitantes poderán acceder a axudas de ata 90.000 euros, achegando a Xunta o 75% do investimento total. Tamén se promoverán actuacións nos principais eixes comerciais, con axudas para amoblamento urbano e sinalización comercial de ata 40.000 euros e un 75% do investimento, e iniciativas de dinamización comercial con axudas de ata 3.000 euros, ás que poderán acceder os concellos de menos de 40.000 habitantes.

Ademais, todos os municipios galegos poderán solicitar axudas de ata 3.000 euros para a posta en marcha de puntos de información ao comerciante dentro da Rede de Dinamización Comercial (REDIC) da Xunta.

Dentro desta estratexia, a Consellería de Economía e Industria leva convocado ao longo deste ano axudas por un total de 8 millóns de euros para mellorar a competitividade do comercio de proximidade. Así, ademais desta convocatoria para os concellos, activouse a orde de axudas para asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos, dotada con 2,2 millóns de euros. Así mesmo, púxose en marcha o programa de apoio ás federacións e asociacións de comerciantes de ámbito supramunicipal, que conta cun orzamento de 1,2 millóns de euros.

28 de maio de 2013 | 18:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.