publicidade hoxe

O Concello de As Pontes e a Asociación Adiante celebran as XXII Xornadas sobre Alcolismo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs PontesLocal
A-
A+

O Concello de As Pontes colaborará un ano máis coa celebración das Xornadas  Sobre Alcolismo que, para esta fin de semana está a organizar a Asociación de Alcólicos Adiante.

De feito esta entidade se atopa xa cos últimos detalles do que será a vixésimo segunda cita destas características que alberga o municipio pontés e na que participarán  afectados por esta enfermidade, familiares e expertos na materia vidos dende todos os puntos de Galicia e Castela e León.

Cumprirase así unha nova edición desta cita anual na que o problema do alcolismo e a súas nefastas consecuencias volven cobrar protagonismo co fin de actuar, mediante casos reais, para fomentar a prevención.

A Casa Dopeso será, un ano máis, o punto neurálxico das actividades destas xornadas e nas que será posible escoitar as disertacións de psicólogos, enfermos e autoridades sobre esta problemática.

Así as cousas, mañá farase entrega da documentación dende as 18.00 horas e xa o sábado e mailo domingo teremos o groso do programa ideado para esta convocatoria e que leva como lema: O alcol non soluciona os teus problemas, as asociacións de alcólicos rehabilitados si.

O sábado ás 10.45 horas terá lugar a inauguración oficial destas xornadas coa intervención do alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso; o presidente de Adiante, Jesús Fernández e o presidente da Federación de Alcólicos Rehabilitados de Galicia, José Rufo.

Posteriormente intervirá o xornalista, Xosé Cendán, que abordará o cómo reciben este tipo de xornadas a xente non vencellada con esta problemática.

Tras dun descanso, ás 12.30 horas retomaranse as xornadas coa intervención da psicóloga de Adiante, Belén Pardo.

E o domingo, ás 11.00 horas terán lugar as intervencións dos presentes: familiares e enfermos de alcolismo e ás 12.30 o psicólo Jesús Pol falará sobre o abuso do alcol na adolescencia. Xa a clausura, que terá lugar á 13.30 horas, correrá a cargo das autoridades locais e dos propios presidentes da asociación Adiante e da Federación Galega de Alcólicos Rehabilitados. 

30 de maio de 2013 | 19:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.