publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Medio ambiente licita por un valor dun millón de euros as obras da depuradora de Portomouro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocalVal do Dubra
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través de Augas de Galicia, anuncia no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación da obra da estación depuradora de augas residuais de Portomouro, no concello de Val do Dubra.

A mellora no servizo de saneamento dotará os núcleos de Xermán, Portomouro e A Igrexa dunha nova rede separativa de augas residuais, que conectará coa existente e conducirá as augas á nova EDAR co obxectivo de evitar as verteduras directas aos ríos Dubra e Tambre.

Estas obras que executará a Xunta de Galicia, a través do ente público Augas de Galicia, encóntranse incluídas no Plan hidrolóxico de Galicia-Costa, e o seu orzamento total é de 999.146,83 euros. Este investimento conta con fondos FEDER cofinanciados con fondos propios da Xunta obtidos a través do canon da auga.

Na actualidade o núcleo de Portomouro dispón dun sistema separativo de saneamento entre ambas as marxes da rúa das Entrepontes que, á altura do cruzamento entre a estrada AC-404 e a DP-1914, recolle os caudais de pluviais e residuais nun mesmo pozo que desaugan ao río Dubra por terreo particular. Para emendalo colocaranse novos colectores de tubaxe de PVC nunha lonxitude de case 3 quilómetros que irán por ambas as marxes da rúa. Fóra da travesía irán polo exterior da plataforma da vía e no resto do trazado irán polo eixe da calzada. Ademais, incluiranse seis cámaras de descarga automáticas para limpeza dos colectores.

Ademais disto, será preciso a execución de dous bombeos na nova rede para recoller as augas residuais do colexio, que actualmente verten ao río Dubra, e as da rúa Rueiro da zona sur do núcleo de Portomouro.

Finalmente executarase unha EDAR nova  no lugar de Besada para tratar este tipo de augas recibidas desde a nova rede  e evitar futuras verteduras directas aos ríos Dubra e Tambre. Contará cun caudal medio de 163,81 m³/día e máximo 491,44 m³/día. A liña de tratamento constará de pretratamento, decantador-dixestor primario con depósito de flotantes e decantador-dixestor secundario con recirculación.

As obras comezarán durante este mesmo ano 2013 e estarán finalizadas as mediados de 2015. Unha vez rematadas será responsabilidade do concello asumir a conservación e mantemento das infraestruturas resultantes.

O alcalde de Val do Dubra solicitou ao ente público dependente da Consellería de Medio Ambiente o financiamento do 100% da obra, polo que esta colaboración técnica financeira entre ambas administracións responde á necesidade de establecer unha colaboración coas entidades locais que teñen un orzamento insuficiente para o desenvolvemento deste tipo de obras.

31 de maio de 2013 | 16:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.