publicidade hoxe

Guitiriz súmase ó Sistema de Recadación Provincial, co que son xa 55 os Concellos que se benefician das súas vantaxes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGuitirizLocalLugoProvincias
A-
A+

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, e o Alcalde de Guitiriz, Xosé María Teixido, asinaron este mércores no Pazo de San Marcos o convenio polo que o Concello chairego se adhire ó Sistema de Recadación Provincial, co que son xa 55 os municipios lucenses que se benefician das súas vantaxes, o 80% do total dos da provincia.

En virtude do acordo ratificado por García Porto e Teixido, a entidade local chairega delega no organismo provincial as tramitación do cobro de impostos e taxas municipais, como o IBI, o Imposto de Actividades Económicas, Vehículos de Tracción Mecánica, ou as taxas pola entrada de vehículos, e as taxas de auga, lixo, sumidoiros ou antenas parabólicas.

A Deputada de Economía subliñou os beneficios que obteñen os Concellos que deciden adherirse ó Sistema de Recadación posto en marcha en 2008 polo organismo provincial. Neste senso, lembrou que a Deputación ingresa a cada Concello, mes a mes, un anticipo dos impostos e taxas municipais que teñen delegado. De feito, este ano, adiantará un total de 25,5 millóns de euros ó longo deste 2013 ós 54 Concellos adheridos ata o de agora, o que supón máis de 2 millóns mensuais. A esta cantidade haberá que sumar a correspondente a Guitiriz en canto se formalice a súa adhesión, que se producirá trala publicación do convenio no BOP e no DOG.

“Facendo un gran esforzo inversor, garantímoslles uns importantes ingresos mensuais ós Concellos, cos que gañan liquidez para poder afrontar as súas obrigas económicas nuns momentos nos que as arcas municipais están especialmente minguadas”, subliñou García Porto. A Deputada sinalou así mesmo que, con estes adiantos, “cumprimos un compromiso que adquirimos cos Concellos cando puxemos en marcha o Sistema de Recadación Provincial, que supón un dos nosos principais instrumentos de cooperación cos municipios lucenses”.
Ademais dunha importante inxección de liquidez mensual, a delegada de Economía destacou outras vantaxes fundamentais do Sistema de Recadación para as entidades locais:

– A Deputación aforra os miles de euros que lle supoñería a un Concello facerse cargo dos trámites administrativos para a recadación de impostos, xa que, de non delegar este servizo no organismo provincial, deberían dispoñer de persoal técnico e xurídico; aplicacións informáticas que custan entre 200.000 e ata 1 millón de euros; ou sistemas de pregado, sobrado, envío por correo… “É dicir, ou adquiren persoal e equipamentos, ou ben realizan varias subcontratas, o que supón, en ambos os dous casos, miles de euros de gasto ó ano”, asegurou a Deputada de Economía.

– Cos servizos provinciais, os Concellos gañan eficacia e axilidade na xestión dos tributos.

– Este Goberno tomou a decisión en 2008 de reter ós Concellos soamente un 3% do recadado pola tramitación dos impostos, cando na etapa do Partido Popular se retiña un 6% e non se adiantaban os cartos. Segundo destacou Pilar García Porto, “con esta rebaixa, a Deputación non cobre nin tan sequera os custes que lle supón o servizo”.

De 29 a 55 municipios

As vantaxes do Sistema Provincial de Recadación fixeron de feito que os Concellos adheridos pasasen de ser 29 no ano 2008, cando se puxo en marcha, a 55, trala incorporación de Guitiriz, é dicir, o 80% dos da provincia.

Os impostos que teñen delegados son os seguintes: o IBI; o Imposto de Actividades Económicas; o imposto de circulación; o de entrada de vehículos; ou as taxas de auga, lixo, sumidoiros ou antenas parabólicas.

García Porto quixo deixar claro que a Deputación de Lugo “fai unha labor administrativa pura, é dicir, ocúpase de facer os trámites de cobro de impostos, de maneira eficaz e dilixente, iso si, pero non é a entidade que se queda cos cartos, a recadación obtida é para os Concellos, son eles os que fixan os padróns e as taxas, e os que reciben os cartos”.

Os municipios lucenses adheridos ó Sistema de Recadación Provincial son os seguintes: Guitiriz, Abadín, Antas de Ulla, Alfoz, Baleira, Baralla, Barreiros, Becerreá, Begonte, Bóveda, Carballedo, Castroverde, Castro de Rei, Cervantes, Cervo, Cospeito, O Courel, A Fonsagrada, Guntín, Láncara, Lourenzá, Meira, Mondoñedo, Monterroso, Muras, Navia de Suarna, Ourol, Palas de Rei, Pantón, Paradela, O Páramo, A Pastoriza, Pedrafita, Pol, A Pobra do Brollón, A Pontenova, Portomarín, Quiroga, Rábade, Ribadeo, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín, Riotorto, Samos, Sarria, O Saviñao, Sober, Taboada, Trabada, Triacastela, O Valadouro, O Vicedo, Vilalba, Xermade e Xove.

15 de maio de 2013 | 19:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.