publicidade hoxe

Cores Tourís comproba as obras de saneamento de Valiñaxemia e o abastecemento de Cachafeiro en Forcarei

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaForcareiLocalPontevedraProvincias
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou en Forcarei o remate das obras de saneamento de Valiñaxemia e do abastecemento de Cachafeiro acompañado pola alcaldesa do municipio, Belén Cachafeiro.

Na visita estiveron acompañados polo xefe territorial de Presidencia, Ramón Pereiro, así como por varios responsables do grupo de Goberno local.

Esta obras, que supuxeron un investimento de 190.000 euros, foron sufragadas grazas a unha axuda aportada pola Consellería de Presidencia a través do Fondo de Compensación Ambiental, quen aportou o 100% do custo das mesmas.

No caso deste concello do Tabeirós-Terra de Montes, estas obras supuxeron o sanemento de Valiñaxemia, onde se dotou ao núcleo rural da recollida de augas ata unha estación depuradora. “A finalidade desta obra”, segundo apuntou Belén Cachafeiro, “foi evitar a proliferación do vertido de augas residuais sen depurar as parcelas da zona por parte das vivendas situadas neste lugar, co posible risco de contaminación progresivo do medio ambiente, o que supón un potencial perigo, tanto para a saúde das persoas como dos animais”.

En relación ao abastecemento en Cachafeiro, os traballos centráronse en dotar dunha nova captación de auga ao depósito actual deste núcleo, mellorando á vez a rede existente para evitar perdas ata esta instalación. “Así mesmo, procedemos tamén a impermeabilizar debidamente o depósito existen para evitar as fugas no vaso do mesmo”, engadiu a rexedora de Forcarei.

A alcaldesa destacou a importancia deste proxecto. “En concreto, en Cachafeiro, tratamos de evitar o desabastecemento de auga que puidera sufrir a poboación nas épocas de estiaxe, unha vez que nos derradeiros anos tívose que proceder ao recheo do mesmo mediante camións-bomba”.

O uso da nova instalación deste lugar será universal para todos os veciños, “aínda que este abastecemento irá dirixido a uso residencial e controlado mediante contadores individualizados”.

Nova liña de axudas

Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra destacou que o Fondo de Compensación Ambiental foi unha iniciativa posta en marcha en 2010 polo Goberno galego que permitiu por vez primeira aos concellos galegos beneficiarse directamente da explotación de enerxía eólica en Galicia; posto que se financia a través do canon eólico. “Esta liña de axudas permite aos concellos sufragar actuacións que revistan natureza produtiva e xeradora de emprego”, engadiu Cores Tourís. Dende que se puxeron en marchas as axudas, máis de 220 concellos de toda Galicia se teñen beneficiado delas; permitindo que os cidadáns sexan beneficiarios directos das explotacións eólicas.

José Manuel Cores Tourís, destacou tamén a nova orde deste ano, feita pública no DOG o pasado día 16 deste mes, a través da que se destinarán 8,9 millón de euros e pola que se regulan os criterios de repartición e se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental.

Nesta ocasión, e por segundo ano consecutivo, os concellos poderán acollerse a esta orde ben de xeito individual o ben a través de proxectos de xestión compartida, co obxectivo de que se realicen actuacións destinadas á conservación, reposición e restauración do medio ambiente e reequilibrio territorial.

31 de maio de 2013 | 20:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.