publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

As razas bovinas galegas en perigo de extinción analizarán as súas características produtivas na Semana Verde 2013

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia
A-
A+
Exposición de razas autóctonas na edición anterior

Razas autóctonas na edición anterior

As razas autóctonas galegas en perigo de extinción terán un gran protagonismo na área gandeira da 36ª Semana Verde de Galicia, a cal se celebrará do 13 ao 16 de xuño no recinto Feira Internacional de Galicia. Así, serán o eixo central dun completo programa con 26 actividades que contará con apoio do Feader (Fondo Europeo Agrícola de Desarrollo Rural).

Dentro deste programa, organizado pola Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga), levaranse a cabo diversas actividades centradas nas razas bovinas, denominadas no seu conxunto morenas galegas. Así, o sábado 15 de xuño celebrarase unha xornada que versará sobre as súas principais características produtivas, da canal e da carne, a cal será impartida por Juan José Lama López, secretario executivo da Asociación de Criadores destas razas bovinas.

Así mesmo, as vacas cachenas, caldelás, frieiresas, limiás e vianesas protagonizarán cadansúa exposición comercial dentro do Mercado Tradicional Gandeiro da Semana Verde.

Primeiro morfolóxico da raza Vianesa

Ademais, a Semana Verde 2013 acollerá o I Concurso Morfolóxico da Raza Vianesa,  organizado pola Asociación de Criadores da Raza Bovina Vianesa (VIANEGA), no cal participarán exemplares de distintos puntos de Galicia.

Xunto a este, levarase a cabo a segunda edición do Concurso Morfolóxico da Raza Cachena, que na pasada edición recoñeceu como gañadora a unha vaca de Triacastela (Lugo), propiedade de Jorge Anguez Grases.

Ambos morfolóxicos teñen como obxectivo estimular aos gandeiros na cría de animais de alta calidade xenética, poñer de manifesto o nivel e morfoloxía dos exemplares criados en Galicia, orientar aos criadores cara correctas e rendibles tarefas de selección e promocionar as ganderías participantes.

O programa das razas autóctonas galegas en perigo de extinción na Semana Verde 2013 acollerá tamén das restantes razas (Galiña de Mos, Porco Celta, Ovella e Cabra Galegas e Cabalo de Pura Raza Galega) seis exposicións, cinco conferencias, un concurso por lotes da Galiña de Mos e dúas asembleas, de Asoporcel (Asociación de Criadores de Ganado Porcino Celta) e Avimós (Asociación de Avicultores de Raza Galiña de Mos).

Ademais, sobre as razas no seu conxunto levaranse a cabo outras catro xornadas técnicas, centradas na súa evolución, na economía das súas explotacións e no funcionamento das puxas de gando da Central Agropecuaria de Galicia.

10.854 exemplares de morenas galegas

O censo actual da razas bovinas autóctonas galegas en perigo de extinción incrementouse nos últimos catro anos un 47,41% grazas aos programa de recuperación levados a cabo por Boaga e a Xunta de Galicia, pasando de 7.363 cabezas en 2008 a 10.854 en 2012. En canto ao número de ganderías de morenas galegas, aumentaron neste período un 10,03%, de 339 a 373 explotacións.

Por razas, a que conta na actualidade con máis exemplares é a cachena, con 5.094 cabezas, incrementándose nos últimos catro anos un 41,89%, mentres que a que experimentou un maior crecemento porcentual foi a vianesa, cun 72,94% máis neste período ao pasar de 1.482 a 2.563 exemplares.

Pola súa banda, a caldelá aumentou o censo nun 21,57% (de 1.201 a 1.460 cabezas), a frieiresa un 59,13% (de 531 a 845) e a limiá nun 59,57% (de 559 a 892).

31 de maio de 2013 | 10:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.