publicidade hoxe

“As Pontes Emprende” dará a coñecer aos mellores empresarios e proxectos emprendedores do ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs PontesLocalLocal Portada
A-
A+

O Concello de As Pontes, mediante o departamento de Industria e Comercio, e o Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC), celebrará o vindeiro sábado a gala de entrega de premios do II Certame As Pontes Emprende. Unha coa que tamén colaboraron a Asociación de Empresarios e Comerciantes de As Pontes, a asociación Seara e AJEFerrolterra.

O auditorio municipal Alovi acollerá, dende as 11.30 horas, esta cita coa que se busca, un ano máis, respaldar aos emprendedores que, nestes intres están a apostar por poñer en marcha un negocio ou unha idea en As Pontes.

A participación para esta segunda convocatoria non puido rexistrar mellores datos. Así o apuntaba a concelleira de Promoción Industrial, Montserrat García, que daba conta da súa satisfacción ante a gran cantidade de proxectos e ideas presentados este ano.

De feito, o xurado tivo que facer unha selección para a fase final, na que cada participante daba conta nunha presentación ante o xurado do seu proxecto. Un total de 12 xa realidades se sumaron a outras seis ideas emprendedoras, realizadas na súa maioría por rapaces e rapazas de entre 14 e 16 anos e que abarcan futuros proxectos que teñen como centro o lago de As Pontes, o mundo dos videoxogos ou a pesca ou incluso os deportes.

Neste senso, a concelleira congratulábase ante esta gran resposta dos máis novos e que xorde de iniciativas xa desenvolvidas en cursos anteriores polo departamento que dirixe, como son as charlas protagonizadas por emprendedores locais ou orientadores laborais e empresarios que se desenvolveron gracias ao IPPEC, a asociación Seara ou a Antena Cameral.

Con respecto á gala que terá lugar o sábado, Montserrat García apuntou que se trata dun recoñemento por parte de toda a cidadanía a todos eses novos proxectos locais que pretenden servir como impulso para a nosa economía.

No tocante aos premios, recoñecerase a Mellor Idea Empresarial, o Mellor Proxecto Emprendedor a nivel de Empresa e tamén o Mellor Proxecto Emprendedor na categoría de autónomos, que serán galardodos co título Emprende Empresa e Emprende Autónomo.

Asemade, a programación da xornada incluirá a actuación do Grupo Teatral Chévere e as intervencións do actor Manuel Sanmartín, que deixaba o seu traballo na banca para adentrarse no mundo da interpretación e do presidente da compañía Blusens, José Ramón García.

Non faltará a homenaxe a un empresario local, neste caso a Alfonso Formoso de Formoso Calefacciones e que leva case seis décadas co seu negocio en marcha. Todo un exemplo que merece ser recoñecido, tal e como apuntaba Montserrat García.

Finalmente, a concellería convidou a toda a veciñanza a asistir a esta cita e, deste xeito, lograr que os propios ponteses e pontesas recoñezan co seu respaldo e presenza o gran traballo dos empresarios que están afincados na nosa vila e que sosteñen parte da economía local.

23 de maio de 2013 | 16:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.