publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta publica no DOG a licitación dos traballos de mellora da estación de tratamento de auga potable de Bóveda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBóvedaGaliciaLocal
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través de Augas de Galicia, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación das obras de mellora do sistema de abastecemento e ampliación da estación de tratamento de auga potable, no Concello de Boveda. Así llo trasladou a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias Rodríguez, ao alcalde de Bóveda, José Manuel Arias López, nunha reunión celebrada onte.

A actuación implica un investimento de máis de 650.000 euros, que será aboado ao 100% por Augas de Galicia e suporá unha importante mellora de todo o sistema de abastecemento de Bóveda, dende a captación ata a planta de potabilización.

Executarase unha nova captación no río Viloria, que permitirá unha subministración de auga con calidade axeitada durante os períodos de proliferación de cianobacterias no encoro. Este auga será impulsada ata a potabilizadora mediante un bombeo con dúas bombas de 20 kw cada unha delas.

Na planta potabilizadora proxectase unha terceira liña de tratamento de auga mediante filtración, co fin de incrementar a capacidade da planta dende 11 ata 17 litros/segundo. Tal e como se recolle no proxecto, será necesario reparar e renovar diversos elementos da estación de tratamento, realizarase unha impermeabilización e selaxe dos depósitos, repararanse os contadores de distribución ás parroquias e mellorarase e ampliarase o edificio. Tamén se instalará un novo cadro xeral de planta que permitirá un adecuado control e funcionamento da planta; e automatizarase de modo que o seu manexo sexa máis sinxelo e seguro.

Deste modo, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da resposta a unha importante necesidade deste concello, evitando coa actuación tanto os problemas que puideran xurdir polos episodios de proliferación de algas no encoro de Vilasouto como as necesidades de subministración de auga dos habitantes de Bóveda, e dos usos gandeiros e empresariais neste concello.

Este tipo de actuacións correspóndese á construción de infraestruturas nos concellos que teñen un orzamento insuficiente para financiar este tipo de obras, e que teñen por finalidade mellorar as deficiencias que presentan as infraestruturas potabilizadoras co obxectivo de garantir un servizo de abastecemento de calidade e en cantidade.

31 de maio de 2013 | 16:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.