publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Deputación de Ourense presenta en A Rúa a campaña de reciclaxe de vidro para o sector da hostalería

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA RúaLocalOurenseProvincias
A-
A+

A Deputación de Ourense, o Concello da Rúa e a asociación sen ánimo de lucro “Ecovidrio” presentaron hoxe no concello rués unha campaña de reciclaxe de vidro no sector da hostalería, que ten como obxectivo facilitar a bares, cafeterías, restaurantes, pubs e demais establecementos do sector a recollida e depósito do vidro destinado á reciclaxe. O acto contou coa presenza do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde da Rúa, Avelino García Ferradal; o xerente de Ecovidro Galicia, Germán Fernández, e a xefa do Negociado de Calidade Ambiental da Deputación de Ourense, María Sabas.

A campaña levarase a cabo en 20 locais de A Rúa, nos que se entregará un cubo adaptado por local e 5 iglús con boca “porta de bar” nos radios de acción destes locais. Así mesmo, a Deputación de Ourense percorrerá os establecementos para recoller información sobre o grado de satisfacción dos empresarios con este novo sistema de reciclaxe de vidro. Ademais, en todos aqueles establecementos que se adhiran colocarase un distintivo que permita diferencialo como “centro hostaleiro que impulsa a reciclaxe de vidro”, e que denote que nese centro se recicla correctamente o vidro.

O dispositivo consiste nun cubo con rodas e adaptado para as barras dos locais e un contedor de rúa con boca ancha, específico para hostalería, que facilitarán o traballo de reciclaxe evitando que os profesionais da hostalería teñan que poñer unha a unha as botellas no depósito. Para elo, disporán dunha chave para a apertura do depósito e dun mecanismo elevador que axudará no volcado do cubo no contedor da rúa.

Rosendo Fernández dixo que dentro do labor que fai a institución provincial a prol da mellora de servizos para cidadáns e concellos, “o Medio Ambiente é fulcral, porque unha boa xestión das augas, do saneamento e dos residuos aporta benestar e fainos ser máis competitivos en todas as materias relacionadas coa protección do noso medio natural”.

O Concello de A Rúa, que ten delegada a recollida dos residuos sólidos urbanos na Deputación de Ourense, pon en marcha esta campaña de sensibilización, cuxa finalidade é impulsar a reciclaxe de vidro nos establecementos hostaleiros do municipio. A iniciativa, denominada Horeca (hostalería, restauración e catering) está dirixida a 20 profesionais de A Rúa, un sector que emprega en España o 48% do vidro que se produce.

O método de contenerización que emprega denomínase “VACRI” e consta de dúas ferramentas básicas: dunha banda, un cubo adaptado, que emprega o hostaleiro, e doutra, un iglú adaptado cunha nova boca de entrada denominada boca “porta de bar” que presenta unhas dimensións mais grandes do habitual e cun sistema hidráulico que facilita a elevación do cubo sobre o iglú.

15 de maio de 2013 | 19:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.