publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Deputación asina cos concellos de Ponteceso, Laxe, Cabana e Malpica a posta en marcha da Comunidade Intermunicipal Costa Bergantiñá

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, asinou esta mañá co alcalde do concello de Laxe, Antonio Carredo; o de Cabana de Bergantiños, José Muíños; o rexedor de Ponteceso, José Luis Fondo Aguiar; e o mandatario de Malpica de Bergantiños, Eduardo José Parga, o convenio de regulación da comunidade intermunicipal de prestación de servizos consorciados Costa Bergantiñá.

Este convenio servirá para regular a colaboración entre os municipios asinantes e a Deputación da Coruña, que tamén formará parte desta comunidade poñendo á súa disposición todos os medios técnicos e humanos que se precisen para garantir o seu correcto funcionamento, sen que supoña ningún custe para os concellos nin para o organismo provincial, xa que este organismo non ten personalidade xurídica propia nin cargos remunerados.  

Calvo explicou durante o acto da sinatura que o papel da Deputación “será informar e asesorar sobre as mellores opcións existentes para a prestación de servizos en común, pero sempre serán os concellos que conforman a comunidade os que decidirán por que servizos e tipos de xestión optan”. O obxectivo final que se ha acadar con estas alianzas é aglutinar núcleos de poboación de habitantes suficientemente grandes para a prestación de mellores e máis eficientes servizos públicos.

O presidente provincial fixo especial fincapé na importancia da posta en marcha desta nova fórmula de asociacionismo porque “estamos a falar dun organismo que carece de entidade xurídica propia e que non complicará o mapa administrativo e xeográfico actual nin suporá a creación de cargos e novas entidades”.

Diego Calvo tamén lembrou que este tipo de convenios son de carácter aberto e que permiten a incorporación, tanto doutros concellos coma doutros servizos susceptibles de ser compartidos: “O importante é darlles aos concellos unha ferramenta que lles permitirá compartir servizos abaratando custes e mellorando a calidade de vida dos seus veciños”.

En canto aos servizos prestados por esta comunidade, os alcaldes sinalaron que os asuntos sobre os que estudarán as posibles colaboracións futuras serán, nun principio, a xestión de residuos, a eficiencia enerxética e en iniciativas relacionadas coa cultura e os deportes.

Outras colaboracións

Esta é a segunda comunidade intermunicipal en asinar o convenio marco de regulación, despois de que fixeran o mesmo os concellos de Santa Comba, Negreira, A Baña e Val do Dubra na comunidade Xallas-Barcala-Dubra. A próxima incorporación será a de Lambre-Mandeo, formada polos municipios de Irixoa, Aranga, Monfero e Vilarmaior.

Outros concellos que formalizaron nos últimos dous anos a súa intención de mancomunar servizos foron os de Boqueixón, Touro e Vedra por un lado; o de  Padrón, Rois e Dodro por outro; e, finalmente, Curtis, Vilasantar e Sobrado.

20 de maio de 2013 | 12:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.